O Consello da Xunta dá luz verde ao Plan Integral de Emigración 2014-2016

O Goberno galego comprométese a garantir a necesaria atención, asistencia e protección das cidadás e dos cidadáns galegos residentes no exterior, especialmente daquelas e aqueles en situacións de maior precariedade.

Como soporte necesario para a acción do Goberno, incentívase a evolución das entidades galegas, de acordo coa Lei de Galeguidade, para a modernización na prestación de servizos, orientándoos ás necesidades actuais da diáspora.

O Plan contempla o papel das Comunidades Galegas do Exterior como apoio fundamental para a proxección exterior de Galicia, así como a intensificación no apoio ao proceso de maior protagonismo da muller e a mocidade no ámbito da Galeguidade.

A protección do patrimonio histórico, cultural e documental da Galeguidade en todo o mundo pasa a configurar un obxectivo relevante da acción de goberno.

O fomento do retorno, incentivando iniciativas para a transferencia dos coñecementos e experiencias á Galicia territorial, é outro dos obxectivos presentados no documento.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014.

O Executivo galego estudou e deu luz verde ao Plan Integral de Emigración 2014-2016, estruturado en 10 áreas de traballo específicas e 6 transversais, 27 liñas de actuación específicas e 19 transversais, e 81 accións concretas a desenvolver no período marcado. O documento será presentado no seo da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas (máximo órgano de representación estable da diáspora) na súa vindeira xuntanza do 12 e 13 de xuño, e ao que xa foran presentadas as súas liñas estratéxicas na súa última reunión.

O Plan márcase como obxectivos fundamentais, en primeiro termo, garantir a necesaria atención, asistencia e protección das cidadás e dos cidadáns galegos residentes no exterior, especialmente daqueles e daquelas en situacións de maior precariedade, facendo así extensiva ao Exterior a aposta do Goberno galego pola blindaxe do investimento en materia social.

Tamén persegue fornecer o apoio ás Comunidades Galegas, e outras entidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial, como canle privilexiado da sociedade galega para a súa proxección exterior.

Modernización, e papel da muller
Neste sentido, asemade, incentiva a evolución das entidades galegas, de acordo coa Lei de Galeguidade, para a modernización na prestación dos seus servizos, orientándoos ás necesidades actuais da diáspora. Desta maneira, garántese unha mellora nas condicións de vida das galegas e dos galegos no Exterior.

Da mesma maneira, este documento marco apunta como estratéxico o fomento dos procesos necesarios para garantir a continuidade das Comunidades Galegas e entidades galegas fóra de Galicia e, de xeito especial, a unión de entidades galegas que compartan o mesmo espazo territorial, e o fomento da eficacia e eficiencia no traballo organizativo das comunidades e entidades galegas no exterior.

Igualmente, o Plan quere dar un importante pulo á participación igualitaria das mulleres na Galeguidade, cuxa presenza nos órganos representativos da diáspora está medrando de maneira significativa nos últimos anos. A ese respecto, a Xunta comprométese a potenciar esa tendencia dentro das súas posibilidades, respectando a independencia das entidades.

Patrimonio
Un dos aspectos aos que o Plan dá maior relevancia é a protección do patrimonio histórico, cultural e documental da Galeguidade, a través de accións concertadas coas comunidades e entidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial, por canto a  memoria viva da nosa terra aséntase alí nunha gran medida: baste recordar recordar que o himno galego foi interpretado por vez primeira na Habana, porto ao que chegaban os barcos que inspiraron a bandeira galega, ou que foron moitas e moitos os escritores e artistas relevantes que atoparon acubillo nas Comunidades Galegas no Exterior.

Outro aspecto destacado do Plan é o fortalecemento da proxección internacional da economía, cultura e valores sociais do pobo galego no exterior, a través das comunidades e entidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial, por canto a sociedade galega conta coa vantaxe diferencial da destacada presenza das nosas comunidades en moitos países de primeira orde, que poden supoñer aliados estratéxicos de especial interese para a recuperación económica.

O fomento do retorno dos galegos e das galegas residentes no Exterior é outro dos piares básicos do documento presentado hoxe na reunión do Executivo autonómico. É un obxectivo compartido por todo o Goberno galego establecer as mellores condicións posibles para que a transferencia dos coñecementos e experiencias da diáspora sexa aproveitada para progreso das propias persoas retornadas, pero tamén de toda a sociedade galega.

Importancia da mocidade
Así mesmo, a Xunta fíxase como outro dos seus obxectivos no campo da Emigración fortalecer o proceso –no que xa se teñen dado pasos significativos nos últimos anos- de plena integración da xuventude na vida diaria das comunidades galegas do Exterior e nos órganos de representación da Galeguidade, coa finalidade de garantir o relevo xeracional nas entidades galegas na diáspora.

1239 lecturas