Miranda e Avruj anuncian ‘Buenos Aires celebra Galicia’, coa colaboración da colectividade galega na Arxentina

O secretario xeral da Emigración galego e o subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural bonaerense pecharon o acordo para esta iniciativa, que inclúe, ademais de actuacións e actividades culturais e lúdicas, levar por vez primeira ao outro lado do Atlántico a área expositiva sobre Galicia.

Miranda asina mañá os respectivos convenios para o mantemento do Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e do centro de día do Centro Galego de Mar del Plata

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014.

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, para avanzar nos detalles da que será a acción conxunta de ambos gobernos, xunto á colectividade galega na Arxcentina, da organización do evento ‘Buenos Aires celebra Galicia’, que terá lugar na segunda semana deste mes de setembro, e que busca a promoción de Galicia na capital arxentina.

Durante esa semana, terán lugar diversas expresións artísticas e plásticas en distintos puntos da cidade, que atraerán ás e aos bonaerenses para que accedan á imaxe real e actualizada da Galicia moderna e competitiva, á vez que afondan no coñecemento da súa cultura tradicional.

Asemade, e para facer máis atractiva a oferta, a Xunta levará á capital arxentina –dando así por vez primeira o salto alén o océano- a área expositiva de Galicia, á que se achegaron en 2013 máis de 40.000 persoas en Frankfurt, País Vasco, Sevilla e Barcelona. Trátase dun espazo “que pon en valor os tesouros culturais, turísticos, gastronómicos, e artesanais de Galicia, en definitiva a cultura e calidade galegas”, segundo expresión do propio secretario xeral da Emigración. Esta área naceu froito da colaboración da Consellería do Mar e do Medio Rural, Artesanía de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, a propia Secretaría Xeral da Emigración.

Agradecemento
Coa acción en Bos Aires, “queremos amosar publicamente a inmensa gratitude do pobo galego cara esta cidade, por ser a sociedade receptora durante décadas de milleiros de paisanos. Bos Aires botounos unha man nos peores tempos, e aínda hoxe é o fogar de máis de 150.000 galegos, e xusto é recoñecerllo e agradecerllo”, afirmou Miranda.

Ademais da xuntanza con Avruj, Miranda tivo tempo de actualizar o intercambio de información de interese común co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España e seu antecesor no cargo, Santiago Camba, e aínda antes co propio embaixador, Estanislao de Grandes.

Axenda do martes
Miranda asinará hoxe martes, na Delegación da Xunta en Bos Aires, os respectivos convenios para o mantemento do Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e do centro de día do Centro Galego de Mar del Plata, acordos cos que a Secretaría Xeral da Emigración axuda a sufragar o investimento asistencial que estas entidades realizan a prol das galegas e dos galegos de avanzada idade en situación máis precaria.

Tamén se verá con responsables da Fundación Galicia América, entidade que xestiona o Colexio Santiago Apóstolo, un dos máis senlleiros para a colectividade galega asentada na Arxentina.

1554 lecturas