Cultura e Educación renova a súa colaboración coas universidades de São Paulo e de Río de Xaneiro

Este acordo súmase aos xa asinados coas universidades de Deusto, Alacante, Complutense de Madrid, Salamanca, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Zádar (Croacia), Cork (Irlanda), Sorbone Nouvelle-París 3 (Francia) e Leipzig, Kiel e Freie de Berlín (Alemaña).

Na imaxe, o edificio da Facultade de Dereito da Universidade de São Paulo (USP)
Na imaxe, o edificio da Facultade de Dereito da Universidade de São Paulo (USP)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2013.

O Consello da Xunta deu o visto e prace este xoves á renovación dos convenios coas universidades de São Paulo e do Estado de Río de Xaneiro, a través dos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorece a proxección exterior da lingua, literatura e cultura galegas, neste caso no ámbito da lusofonía. Recordar que xa o pasado mes de xullo se aprobou a renovación dos acordos para este mesmo fin con outras doce universidades de fóra de Galicia, en concreto coas de Deusto, Alacante, Complutense de Madrid, Salamanca, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Zádar (Croacia), Cork (Irlanda), Sorbone Nouvelle-París 3 (Francia) e Leipzig, Kiel e Freie de Berlín (Alemaña).

Desta forma, e sumando os dous aprobados o xoves á ducia de acordos xa renovados este verán, a contía destinada pola Consellería para a promoción exterior da lingua e cultura galegas ata finais de 2016 ascende 617.572 euros. A colaboración desenvólvese con universidades de prestixio que mostren interese en incluír nos plans de estudo de ensino superior a formación en lingua galega. Neste sentido, a Xunta recorda que a proxección do galego fóra das súas fronteiras é un dos obxectivos marcados no ‘Plan xeral de normalización da lingua galega’.

As universidades de São Paulo e do Estado de Río de Xaneiro constitúen importantes focos de promoción do galego pola súa entidade nun país estratéxico. Brasil enmárcase dentro dos Estados de fala portuguesa con moita relación cultural con Galicia e que ademais é unha das economías emerxentes do mundo enteiro, cunha gran proxección internacional.

Ao abeiro dos convenios aprobados, as universidades que en 2014 verán o estudiantado de galego incrementado nun 40% ata chegar aos 125 alumnos e alumnas, comprométense a organizar actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, tanto no ámbito universitario coma na súa área de influencia, mantendo ademais estas ensinanzas nos seus plans de estudos. A axuda do convenio ha de cubrir tamén a contratación dunha profesora ou dun profesor lector para desenvolver as actividades e conseguir os obxectivos formulados, así como a adquisición do material bibliográfico, fonográfico, videográfico, informático e infraestructural necesario.

 

Fonte e foto: Cadernos de comunicación e análise

884 lecturas