Miranda presenta en Sevilla a Área Expositiva de Galicia, comunidade á que se dedica o ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía’

O secretario xeral da Emigración anima á visita e ao investimento nunha Galicia “chamada a ser punta de lanza da recuperación económica”.

Catas de produtos de calidade recoñecida do mar e da terra, material de promoción turística e do Xacobeo, e producións artesás, comparten 220 metros cadrados en pleno corazón da capital andaluza.

O Presidente Feijóo chegará mañá venres a Sevilla para participar na inauguración oficial do Encontro e facer entrega da ‘Anduriña de Ouro’ do Lar Galego ao alcalde hispalense.

  • Presentación celebrada esta mañá na capital hispalense dentro do ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía
    Presentación celebrada esta mañá na capital hispalense dentro do ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía
  • Presentación celebrada esta mañá na capital hispalense dentro do ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía
    Presentación celebrada esta mañá na capital hispalense dentro do ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía
  • Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
    Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
  • Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
    Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
  • Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
    Na área expositiva de Galicia neste evento pódese acceder a mostras da nosa gastronomía, deseño, ou información turística
Listen to this page using ReadSpeaker
Sevilla / Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou esta mañá en Sevilla a área expositiva de Galicia no  ‘V Encuentro de Casas Regionales y Provinciales de Andalucía’, organizado polo Concello da capital andaluza, que este ano se dedica a Galicia, e que en cada edición recibe centos de milleiros de visitantes. No acto acompañárono o presidente do Lar Gallego nesa cidade, Alfredo Otero, e o concelleiro delegado da Área de Participación Cidadá do Concello de Sevilla, Eduardo Beltrán Pérez García.

A área expositiva é froito da colaboración da Consellería do Mar e do Medio Rural, que achega produtos amparados polas distintas denominacións de orixe, así como os ingredientes necesarios para a elaboración de receitas galegas, aínda que sempre se maridan con pratos do lugar de acollida, neste caso da gastronomía andaluza; da Axencia Turismo de Galicia, que ofrece material informativo en varios idiomas e persoal especializado para atender as demandas das e dos visitantes; da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que tamén mostra con material específico a relevancia internacional que ten acadado o fenómeno da peregrinación a Compostela; da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e de Galicia Calidade, dependentes da Consellería de Economía e Industria, que achegan producións de alto deseño coa presenza de profesionais na materia; e, finalmente, a Secretaría Xeral da Emigración, que aúna os esforzos dos centros galegos presentes fóra de Galicia co traballo dos diferentes departamentos sectoriais da Xunta co obxectivo de facilitar a proxección exterior de Galicia.

Grazas a este traballo conxunto entre a Administración e centros galegos foi posible xa estar presente ata o momento en Frankfurt, Santurce (na celebración anual de irmandamento de tódalas casas galegas en Euskadi) e Barcelona, con importante éxito de público, e a intención do Goberno galego é poder chegar a outras cidades de España e Europa, pero tamén de América a medio prazo.

Galicia e calidade, sinónimos
Miranda asegurou que é fundamental para Galicia estar presente nestes certames onde se dan cita, coma neste caso en pleno centro de Sevilla, milleiros de persoas, pois “a magnífica imaxe exterior dos nosos produtos precisa un permanente pulo da promoción exterior, pola alta competencia e os niveis cada vez máis altos de esixencia do consumidor”.

O secretario xeral da Emigración recordou a celebración en Galicia do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís, e tamén que este ano 2013 xa se superou a cifra de peregrinos a Compostela acadada no ano anterior. Igualmente, Miranda fixo fincapé en que “a natureza e a gastronomía, a primeira e a segunda motivación pola que os turistas nos elixen como destino, constitúen a carta de presentación dun destino que é líder en turismo termal; aspectos estes que están reflectidos neste espazo que hoxe presentamos”.

No referido á Artesanía de Galicia, o responsable autonómico en materia de Emigración lembrou que Galicia é a única comunidade cunha marca xeográfica específica para a promoción deste sector, e afirmou que “a Xunta asenta o seu pulo aos artesáns en tres piares: a aposta pola innovación e o deseño fomentando a adaptación ás novas tendencias do mercado e a colaboración con novas disciplinas; a formación e especialización dos profesionais; e a mellora da comercialización”.

Miranda quixo salientar o papel clave das comunidades galegas á hora de afianzar a capacidade de proxección turística e económica de Galicia: “As e os paisanos residentes fóra da Galicia territorial son os mellores embaixadores de todo o que a nosa terra pode ofrecer ao visitante, e ao inversor”.

Agradecemento
Finalmente, o secretario xeral da Emigración amosou o seu agradecemento ao Lar Galego de Sevilla por facer posible esta actividade, e singularmente trasladou o seu recoñecemento ao Concello sevillano, pola cesión deste importante espazo en pleno corazón da capital. Con este acto, dá cabida e reflicte a estreita e frutífera colaboración entre a institución municipal e a comunidade galega alí asentada.

Córdoba e Huelva
O secretario xeral da Emigración aproveita a súa estadía na cidade máis poboada do sur español para visitar outros dous centros galegos da Andalucía Occidental: a Casa de Galicia de Córdoba, e a homónima de Huelva, onde coñecerá persoalmente as colectividades asentadas nestas dúas cidades e as instalacións das entidades, e asemade reunirase coas respectivas xuntas directivas.

Feijóo chega mañá
A xornada de mañá venres en Sevilla contará coa máxima representación de Galicia, pois o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participará na inauguración oficial deste V Encontro dedicado á Comunidade Autónoma, canda as autoridades locais. Ademais, Feijóo será o encargado de entregar a Anduriña de Ouro –máxima distinción do Lar Gallego de Sevilla- ao alcalde hispalense, Juan Ignacio Zoido, nun acto que terá lugar á tardiña na Casa do Concello da capital andaluza.

1380 lecturas