“México segue a ser sinónimo de esperanza para os galegos”, salienta Miranda na visita á capital azteca
O secretario xeral da Emigración analizou coa representación das institucións do Estado a coordinación a prol da colectividade no Exterior.
Participará mañá, tamén na capital, na celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis relevantes da Galeguidade.
Tras pasar as últimas xornadas coñecendo os centros sociais e asistenciais vinculados ás comunidades galegas en Venezuela e Brasil, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, chega hoxe a México, onde ten previsto ao longo da xornada entrevistarse con representantes do tecido empresarial galego afincado no país, e coñecer a sede central do Centro Gallego da capital, un dos baluartes fundamentais da Galeguidade no mundo.
Miranda comeza o seu periplo azteca -é a primeira vez que visita oficialmente os Estados Unidos de México- contactando con algunhas e algúns emprendedores galegos con negocios no país, algúns dos cales sitúanse nos postos máis destacados nos respectivos sectores produtivos. A estes empresarios e empresarias Miranda quere transmitir a intención que ten o Goberno galego de alimentar as xa boas relacións nas dúas beiras do Atlántico, nun dobre sentido: o de seguir avanzando no acceso aos mercados exteriores para as empresas galegas, e o de buscar novos investimentos mexicanos na Galicia territorial. Así llo transmitiu tamén ao presidente da Umegal (Unión Mexicana de Empresarios Galegos), Antonio Cortés.
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración salientou que “México segue a ser sinónimo de esperanza para os galegos, pois a Historia demostra que no país azteca a diáspora atopou boas oportunidades para se implantar e medrar”. Aínda que México ocupa o posto undécimo entre os países do estranxeiro en número de galegos e galegas residentes (con algo máis de 11.000, un 2’5 por cento da cidadanía galega do Exterior), a viveza da colonia galega déixase sentir no ritmo e pulso do país, e moi nomeadamente no Distrito Federal.
Na Embaixada
Tralo encontro con Cortés, Miranda visitou ao conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en México, Carlos Manuel Moyano, con quen avaliou a situación actual da colonia galega, e tamén as necesidades e inquedanzas que as e os emigrantes transmiten á legación nacional. Inmediatamente despois, tivo oportunidade de saudar tamén ao embaixador, Manuel Alabart Fernández Cavada. Con ambos estudou a coordinación de actuacións entre as administracións autonómica e estatal en prol da colectividade no Exterior.
Centro Gallego
Miranda ten previsto xa á tardiña [madrugada do martes en Galicia] visitar a sede central do Centro Gallego de México, presidido por Luis Piñeiro, con máis dun século de existencia, e un dos grandes referentes da Galeguidade no mundo pola súa sostibilidade social e económica, ademais de polo seu carácter de institución formadora e solidaria entre os galegos e as galegas residentes en toda a nación azteca.
Posúe unha sede central de case 4.000 metros cadrados sita nun antigo pazo de mediados do pasado século, con diversas instalacións culturais e recreativas, entre elas un salón multiusos de máis de 1.500 metros cadrados. Miranda visitará estas instalacións centrais antes de reunirse coa xunta directiva da institución.
Ademais, o Centro tamén é propietario doutra parcela a corenta quilómetros do centro da cidade, de índole máis lúdica e deportiva, con cen mil metros cadrados. É alí, precisamente, onde mañá mércores terá lugar a celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións festivas máis relevantes da axenda da Galeguidade, á que se prevé que acudan, como cada ano, máis de 4.000 persoas. Entre elas, e nesta ocasión, estará presente o secretario xeral da Emigración.
Novas relacionadas