Ecos do Sur impulsa a gravación dunha curtametraxe en Senegal

O filme afondará no fenómeno das migracións.

"Elixe o teu camiño" é un proxecto financiado polo Concello da Coruña.

Ecos do Sur.
Ecos do Sur.
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 23 de outubro de 2012.

Dentro das actividades contempladas no proxecto 'Tan Sa Yoon' (Elixe o teu camiño), a ONGD Ecos do Sur emprendeu a rodaxe dunha curtametraxe de sensibilización sobre o fenómeno das migracións. A primeira fase de gravación desenvolveuse na Coruña, e na última semana de outubro realizouse a segunda, que tivo lugar en Senegal.

O pasado 23 de outubro chegou a Dakar o equipo de gravación, formado por un técnico de Ecos do Sur, o persoal da produtora Sexto Sin Ascensor e Mathurin Diagne, o actor protagonista. Alí pasaron unha semana de traballo e toma de contacto con outras entidades, pois este proxecto baséase nunha perspectiva de codesenvolvemento.

A curtametraxe emitirase fundamentalmente en Senegal como vía para informar sobre a problemática que padecen as e os inmigrantes dese país en España, e as alternativas que poden formularse antes de deixar a súa terra. A primeira parte aborda a historia de vida dunha persoa que emigrou á Coruña contextualizando a saída de Senegal e a imaxe idealizada de España, así como a identificación das oportunidades, ameazas e desvantaxes; acompañado implicitamente de todos os custos económicos que leva consigo o proceso migratorio (compra de visado, transporte, alugueres, manutención, remesas, etc...).

A segunda parte do vídeo reflectirá a historia de vida dunha persoa senegalesa que non optou pola migración, senón polo desenvolvemento local mediante un proxecto de autoemprego a través da concesión de microcréditos ou aforros. A comparativa económica das dúas posibilidades deixa aberta a reflexión e o debate sobre que decisión tomar.

"Elixe o teu camiño" é un proxecto financiado polo Concello da Coruña, que prevé tamén a celebración de encontros de caracter transnacional na cidade de Dakar e unha campaña de sensibilización e capacitación en rexións clave de Senegal.

 

Fonte e foto: Ecos do Sur

878 lecturas