Cultura e Educación e a Fundación Antonio Fraguas poñen en valor o legado cultural de Domingos de Andrade

A Consellería colabora coa exposición que conmemorará o terceiro centenario do pasamento do arquitecto e o primeiro centenario da declaración do convento de San Domingos de Bonaval como Monumento Histórico-Artístico

O secretario xeral de Cultura e o presidente da fundación asinaron esta mañá o convenio de colaboración na sede do Museo do Pobo Galego, onde fixeron un percorrido polos elementos máis significativos da obra de Andrade

  • Anxo Lorenzo visitando o convento de San Domingos de Bonaval
    Anxo Lorenzo visitando o convento de San Domingos de Bonaval
  • Anxo Lorenzo asinando o convenio coa Fundación Fraguas Fraguas
    Anxo Lorenzo asinando o convenio coa Fundación Fraguas Fraguas
Listen to this page using ReadSpeaker
24 de xullo de 2012.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta mañá o convento de San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego, onde asinou un convenio coa Fundación Antonio Fraguas Fraguas, para poñer en valor o legado cultural do arquitecto Domingos de Andrade.

No marco deste convenio, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dirixe Xesús Vázquez Abad, apoiará a edición do catálogo da exposición coa que se conmemorará o terceiro centenario do pasamento de Domingos de Andrade, así como tamén o primeiro centenario da declaración do convento de San Domingos de Bonaval como Monumento Histórico-Artístico. A exposición, que se inaugurará arredor da data do pasamento de Andrade (12 de novembro), está organizada polo Museo do Pobo Galego coa colaboración da Fundación Antonio Fraguas Fraguas.

Durante a visita, Anxo Lorenzo, acompañado polo presidente do padroado da fundación, Justo Beramendi; polo presidente da xunta reitora, Francisco Fariña; e polo representante dos socios do Museo do Pobo Galego e comisario da exposición conmemorativa, Manuel Vilar Álvarez, fixeron un percorrido centrado nos elementos máis significativos da obra de Andrade no conxunto de Bonaval –que el renovou a fondo por encarga do arcebispo frei Antonio de Monroy–, entre os que destacan a fachada principal, o claustro e a escaleira tripla, construídos entre a última década do século XVII e a primeira do século XVIII.

Coa sinatura deste convenio, a Xunta de Galicia e a Fundación Antonio Fraguas cooperan para favorecer un maior coñecemento do legado cultural de Domingos de Andrade, así como para poñer a disposición da cidadanía material bibliográfico de referencia sobre a cultura galega en xeral e sobre a historia da arquitectura galega en particular.

O convento de San Domingos de Bonaval
O convento de San Domingos de Bonaval é unha fundación do século XIII que a lenda lle atribúe ao propio San Domingos na peregrinación que fixo a Santiago en 1219. A primeira edificación do complexo monacal efectúase entre 1220 e 1230, contando con igrexa e convento.

En 1690, o arcebispo Frei Antonio de Monroy e Ýjar encarágalle a Domingos de Andrade que acometa as reformas que precisa o convento. Destas datas son as partes do convento que subsisten. Andrade constrúe un novo claustro desmontando o de Avalle, levanta toda a parte norte do edificio, incluíndo a portería coa súa fachada e a fachada da igrexa co seu cuarto superior, e a obra que fai deste lugar un sitio especial: a triple escaleira helicoidal que comunica as diferentes dependencias interiores, exemplo de audacia barroca deste grande arquitecto galego. Estas obras están rematadas en 1715.

De todas as dependencias do convento destaca polo seu efecto visual a tripla escaleira construída por Andrade para organizar o espazo de circulación entre os distintos andares. A escaleira ocupa o ángulo noroeste, dentro dunha caixa cilíndrica de cachotería, onde se desenvolven tres ramplas que se despregan nunha tripla hélice sen que cheguen a cruzarse nunca entre si. O efecto visual da escaleira acada cotas altísimas polo xogo de posibilidades técnicas que Andrade estende neste elemento.

731 lecturas