A Secretaría Xeral da Igualdade participa en Madrid no Foro Social contra a trata con fins de explotación sexual

A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero insta ás comunidades autónomas a aprobar protocolos contra a trata, unha iniciativa á que a Xunta de Galicia se anticipou en 2010 en colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
20 de xullo de 2012.

Xunta de Galicia.A Secretaría Xeral da Igualdade, representada pola subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste, participou onte en Madrid no Foro Social contra a trata de persoas con fins de explotación sexual, celebrado na Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade. No encontro, a delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Blanca Hernández, instou ás comunidades autónomas a aprobar protocolos de ámbito autonómico contra a trata, en sintonía co Protocolo Marco de Protección de Vítimas de Trata, aprobado polo Goberno central o pasado mes de outubro.

A Xunta de Galicia tense anticipado a esta iniciativa, ao asinar en 2010 un protocolo de colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia contra a trata de mulleres en Galicia, que ten sido renovado e actualizado este ano para a súa adecuación ás últimas modificacións lexislativas. Este protocolo ten como finalidade artellar unha liña de actuación conxunta dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dar unha resposta integral e específica ás mulleres vítimas desta grave violación dos dereitos humanos.

O obxectivo é favorecer a denuncia das vítimas aplicando os recursos legais, entre outros, o período de restablecemento e reflexión dun mínimo de 30 días e, en todo caso, suficiente para que a persoa poida restablecerse e decidir se desexa cooperar coas autoridades na investigación do delito, con autorización de permiso de residencia e traballo e exención de responsabilidade.

Programa galego de atención a mulleres en situación de trata ou prostitución
No marco deste protocolo, a Secretaría Xeral da Igualdade está a desenvolver por terceiro ano consecutivo un programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual, ao que destina este ano 269.000 euros e desenvolve coa colaboración de Cruz Vermella, os Centros Vagalume e Alumar de Cáritas de Santiago e de Ourense, o Centro O Mencer das Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Médicos do Mundo, a Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa.

824 lecturas