O Goberno galego rebaixa nun 7,1% os salarios do presidente da Xunta, conselleiros e conselleiras, altos cargos e de todo o seu persoal de gabinete

Alfonso Rueda recoñeceu que se trata dunhas medidas “duras pero necesarias” e agradeceu o esforzo de toda a cidadanía, e especialmente, das e dos empregados públicos.

Sinalou que as e os membros do Goberno, os altos cargos e o persoal de gabinete “estamos obrigados a facer tamén ese esforzo, e incluso maior”.

Lembra que esta é a terceira rebaixa salarial que asumen os altos cargos en Galicia, xa que o presidente da Xunta veu minorado o seu soldo nun 22% no que vai de lexislatura e os conselleiros e conselleiras nun 17% en relación co anterior Goberno do bipartito.

Insiste en que se o anterior Goberno tivera asumido as súas responsabilidades, agora non habería que tomar medidas tan drásticas.

Alberto Núñez Feijóo presidirá mañá un Consello da Xunta extraordinario.

  • Alfonso Rueda na rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta que hoxe presidiu en ausencia do presidente. Foto: Conchi Paz.
    Alfonso Rueda na rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta que hoxe presidiu en ausencia do presidente. Foto: Conchi Paz.
  • Alfonso Rueda na rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta que hoxe presidiu en ausencia do presidente. Foto: Conchi Paz.
    Alfonso Rueda na rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta que hoxe presidiu en ausencia do presidente. Foto: Conchi Paz.
Listen to this page using ReadSpeaker
19 de xullo de 2012.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda anunciou que o Goberno galego aplicará unha rebaixa do 7,1% nos salarios do presidente da Xunta, dos conselleiros, dos altos cargos (incluídos os directivos da administración institucional e das empresas e entes instrumentais) e de todo o persoal de gabinete. Segundo explicou, dado que estes cargos non perciben pagas extraordinarias, se lles reducirán as súas retribucións anuais nunha porcentaxe equivalente ao 7,1%.

O Consello da Xunta celebrado hoxe –que presidiu Alfonso Rueda en ausencia do presidente Alberto Núñez Feijóo- iniciou os trámites para a modificación da Lei de Orzamentos co fin aplicar esta redución que se suma á supresión da paga extraordinaria de Nadal para persoal funcionario e laboral en cumprimento do Real decreto lei 20/2012 do Goberno central. As medidas levaranse esta tarde á Mesa da Función Pública e serán ratificadas nunha reunión extraordinaria do Consello da Xunta que se celebrará mañá.

O conselleiro de Presidencia recoñeceu que se trata dunhas medidas “duras, pero necesarias” e “non fáciles de tomar nin de aceptar” pero que “representan a responsabilidade dos gobernantes, que están obrigados a tomalas”. “Hai que facer a destempo e con máis intensidade” aquilo que non se levou a cabo cando era necesario, insistiu. Rueda subliñou que o Goberno galego“ é consciente do esforzo que están facendo moitísimo cidadáns” e agradeceu especialmente o que recae sobre os empregados públicos. Por iso sinalou que os membros do Goberno, os altos cargos e o persoal de gabinete “estamos obrigados a facer tamén este esforzo, e incluso maior”.

O conselleiro de Presidencia explicou que se trata dunha decisión provocada “polo enorme déficit xerado na lexislatura pasada” xa que España “gastou o que non tiña , o que non podía gastar”. Considera que se o Goberno anterior asumira as súas responsabilidades, agora as medidas non serían tan drásticas. “A alternativa, desde logo, era non tomalas, co cal está claro que xa non a largo prazo, senón nun prazo moito máis curto, sería moito peor”, advertiu.

Alfonso Rueda explicou que a rebaixa do 7,1% que agora se vai aplicar é “a terceira rebaixa” que asumen os membros e altos cargos da Xunta de Galicia. De feito, lembrou que o presidente da Xunta acumula unha rebaixa salarial do 22% no que vai de lexislatura, mentres que os conselleiros xa levan asumido unha minoración do 17% nos seus salarios con respecto aos emolumentos que percibían os membros do Goberno bipartito. As medidas de aforro salarial agora anunciadas súmanse aos 30 millóns de euros derivados directamente da supresión de altos cartos e de persoal de gabinete en relación á lexislatura anterior.

955 lecturas