A Consellería de Cultura e Educación promoverá o cine galego no festival ‘Marché du film’ de Cannes

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, estará presente na cidade francesa para apoiar o traballo desenvolvido polo audiovisual galego.

Listen to this page using ReadSpeaker

O cine galego estará presente na 65e edition du Festival de Cannes. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará a promoción do audiovisual galego no Marché du Film, o mercado cinematográfico máis importante do mundo, que terá lugar no marco da 65 edición do Festival Internacional de Cine de Cannes (Francia), do 16 ao 25 de maio. A este certame está previsto que acuda o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se reunirá con diferentes produtores e asociacións para respaldar os traballos feitos en Galicia.

Coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través do convenio para a internacionalización do audiovisual galego, este organismo formará parte do pavillón Cinema from Spain (situado en Riviera 5A do Palais des Festival), promovido polo Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), o Instituto de Comercio Exterior (ICEX) e a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) xunto con Catalan Films & TV.

A representación de empresas galegas que participarán no mercado é a seguinte: Artefacto Producciones, Frida Films, IB Cinema, Matriuska Producciones, Pequerrecho Producións, Perro Verde Films, Raio Verde, Tic Tac producciones, Vaca Films, Vía Láctea Films e Zeitun Films.

Actividade e participación galega no Marché
No marco da liña deseñada polo plan de internacionalización do audiovisual galego, a Consellería de Cultura e Educación promoverá o cine e a industria creada na nosa Comunidade mediante a difusión das publicacións Films from Galicia, Shorts from Galicia e Galicia ways to film.

O obxectivo principal da asistencia a esta cita tan importante para a industria cinematográfica ten que ver coa promoción e venda internacional das obras audiovisuais galegas, pero tamén coa coprodución e a busca de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para o sector.

Nos pases para compradores proxectaranse 6 filmes de participación galega: Todo es silencio (dirixida por Jose Luis Cuerda e producida por Milou Films); Tralas Luces (Tic Tac Producciones); Dictado y El sexo de los ángeles (Continental Producciones); Vilamor (Via Láctea Filmes) e Copito de Nieve (Filmax Galicia). Ademais, outro dos filmes que se exhibirán nos screenings será Operación E, un thríller baseado no conflito das FARC en Colombia que ten como protagonista ao actor galego Luis Tosar.

A cita máis importante para o celuloide internacional
O Marché du Film de Cannes, o principal mercado cinematográfico do mundo, que ten lugar no marco do prestixioso Festival Internacional de Cine de Cannes, supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne.

Segundo datos do ICEX, este escaparate internacional contou no 2011 coa presenza de 730 expositores, na súa maioría produtoras, distribuidoras e asociacións, de 99 países e máis de 10.500 visitantes. En total, realizáronse 1.528 proxeccións de 979 títulos, dos cales o 65% eran estreas mundiais.

No que se refire ao volume das exportacións españolas, os informes de FAPAE apuntan 74 millóns de euros en 2010, dos cales 42,7 millóns corresponderon á exportación de produtos televisivos e 31,3 millóns, a produtos cinematográficos.

925 lecturas