A Consellería de Cultura e Educación acada un acordo co Goberno arxentino para celebrar en Galicia un encontro bilateral de industrias culturais

A Cidade da Cultura acollerá a finais de xullo o PreMICA Europa, que se estruturará en roldas de negocio, conferencias e exhibicións artísticas a cargo de profesionais de Galicia a Arxentina,

As empresas galegas do audiovisual, a edición, a escena, o deseño, a música e os videoxogos están convidadas a participar, co apoio institucional da Agadic, no Mercado de Industrias Culturales Argentinas 2013 e nos seus programas previos.

Listen to this page using ReadSpeaker
1 de abril de 2012.

A Cidade da Cultura acollerá o evento que se celebrará este verán. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixida, por Xesús Vázquez Abad, acaba de subscribir un convenio de cooperación co Goberno arxentino co obxectivo asentar e intensificar as relacións que, en materia cultural, manteñen ambos países. O acordo concrétase na colaboración directa entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) – dependente da Consellería- , a Secretaria de Cultura de la Presidencia de la Nación e o Ministerio de Relaciones Exteriores y Culto de la República de Argentina para o desenvolvemento de encontros multilaterais e multidisciplinares destinados a favorecer o intercambio comercial e artístico entre empresas, creadores e artistas de Galicia a Arxentina.

Neste sentido, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela será a sede a finais do vindeiro mes de xullo do encontro PreMICA Europa, que se estruturará arredor de accións formativas, roldas de negocio e exhibicións artísticas con participación de profesionais dos dous países. Unha das prioridade deste programa é impulsar o papel de Galicia e das súas empresas como porta de entrada en Europa dos produtos culturais arxentinos, ao tempo que se asentan as bases para a participación galega no MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas) 2013.

Darase así continuidade á presenza de Galicia –a través das e dos representantes de 11 firmas– no MICA 2011, primeira edición deste encontro bianual a través do que os profesionais da cultura galega teñen a oportunidade de establecer contacto directo e de presentar os seus produtos aos axentes culturais arxentinos cara ao establecemento de relacións tanto comerciais como artísticas.

Acto de sinatura en Bos Aires
Os sectores das artes escénicas, o audiovisual, a edición, o deseño, a música e os videoxogos conforman o marco de acción deste convenio, asinado en Bos Aires polo secretario de Cultura de la Nación, Jorge Coscia; o subsecretario de Desarrollo de Inversiones y Promoción Comercial do Ministerio de Relaciones Exteriores arxentino, Carlos Bianco; e o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, no transcurso dun acto oficial que contou, asemade, coa asistencia do delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejando López Dobarro, así como do director nacional de Industrias Culturales, Rodolfo Hamawi, entre outros representantes institucionais arxentinos.

O director da Agadic asistiu, ademais, á inauguración en Formosa do PreMICA Nordeste (NEA) como primeiro dos encontros previos ao Mercado de Industrias Culturales Argentinas que se desenvolverán ao longo deste ano en todas as rexións do país suramericano –ademais da Nordeste, Noroeste (NOA, en maio), Centro (xuño), Metropolitana (agosto), Cuyo (setembro) e Patagonia (outubro)– co obxectivo de contribuír á consolidación de mercados culturais transnacionais. En virtude do acordo entre a Consellería de Cultura e Educación e o Goberno arxentino, as empresas galegas dos ámbitos culturais anteriormente especificados están convidadas a participar tanto nestes eventos como no MICA que se celebrará en Bos Aires en 2013, para o que contan co apoio institucional da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Convenio coa RTA arxentina
Durante a súa estadía en Bos Aires, Juan Carlos F. Fasero reuniuse así mesmo co director da Radio y Televisión Argentina (RTA), Tristán Bauer, para asinar un convenio de cooperación entre a Agadic e a radiotelevisión estatal destinado a estreitar e impulsar os vínculos profesionais e artísticos no ámbito audiovisual a través de encontros sectoriais.

Segundo especifica o documento, a colaboración estenderase tamén á elaboración dun estudo sobre as empresas galegas e arxentinas deste sector, que fará fincapé na súa estrutura empresarial, medios técnicos e profesionais, catálogo de servizos e experiencias de coprodución internacional. O obxecto desta análise é detectar as potencialidades e debilidades do sector na procura de posibles relacións comerciais e artísticas.

Toda a información recompilada pasará a integrar un banco de datos a disposición das empresas interesadas para lles facilitar a transferencia de coñecementos e de información sobre os seus produtos e servizos.

Con estas accións de colaboración e intercambio con diferentes institucións arxentinas, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, dá un importante paso adiante na proxección internacional das industrias culturais galegas, potenciando neste caso os vínculos emocionais, artísticos e comerciais con Arxentina e o papel do país austral como vía de acceso da cultura galega ao mercado suramericano.

944 lecturas