O secretario xeral de Política Lingüística presenta a obra «A prensa galega de Cuba», escrita por Xosé Neira Vilas

No acto Valentín García asegurou que “a lingua galega serve de vínculo esencial coa emigración”.

O libro, editado pola Xunta de Galicia, revisa un total de 71 revistas e semanarios enmarcados no período 1878-1960, que dan conta das inquedanzas e realizacións da emigración galega en Cuba.

Listen to this page using ReadSpeaker
13 de febreiro de 2012.

Neira Vilas e Valentín García, durante a presentación da obra.O Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) acolleu no serán do pasado venres a presentación pública da obra A prensa galega de Cuba, de Xosé Neira Vilas, editada pola Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

No acto de presentación, participaron o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García; o escritor e autor da obra, Xosé Neira Vilas; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González.

A obra reflcite, segundo puxo de manifesto Valentín García, que ‘a lingua galega serve de vínculo esencial coa emigración’ e que ‘o galego foi e será sempre un elemento de unión, non de separación nin de conflito’. O secretario xeral destacou tamén que ‘nunca unha colectividade emigrante tivo unha prensa tan abondosa e de tan alta calidade coma a dos galegos en Cuba, en ningunha época e en ningún país’.

Xosé Neira Vilas salientou na súa intervención que ‘ningún lugar mellor que A Estrada para este acto, pois da Estrada era Waldo Álvarez Insua, fundador de El Eco de Galicia, o primeiro periódico de Cuba e de América’.

A prensa galega de Cuba
A obra, que constitúe unha edición revisada do libro publicado baixo o mesmo título por Edicións do Castro en 1985, ademais dunha introdución esclarecedora acerca do que foi o labor xornalístico dos galegos e das galegas na emigración cubana, contén fichas descritivas de todas as publicacións reseñadas e datos relativos á súa creación e dirección, así como ás colaboracións que favoreceron a súa posta en marcha e desenvolvemento. Inclúe tamén as capas de case todas as revistas e semanarios e ata nalgúns casos imaxes das sedes onde os medios de comunicación que sacaron á luz.

1275 lecturas