Igualdade destina 890.000 euros ás entidades de iniciativa social para programas de apoio a mulleres en situación de vulnerabilidade

O DOG publicou onte a convocatoria de axudas, que este ano se caracterizan pola axilidade do procedemento e o adianto da resolución, prevista para o mes de maio.

As entidades dispoñen dun mes, a partires de onte, para presentar as súas solicitudes.

Beneficiaranse dos programas subvencionados con estas axudas colectivos como anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas, vítimas de violencia de xénero ou mulleres xestantes e lactantes.

Listen to this page using ReadSpeaker

Igualdade destina 890.000 euros ás entidades de iniciativa social para programas de apoio a mulleres en situación de vulnerabilidadeO DOG publicou onte a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade ás entidades de iniciativa social para levar a cabo programas específicos para mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade, así como programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes, por un importe de 889.777 euros. Este presuposto pon de relevo “o papel destacado das entidades de iniciativa social no obxectivo de facer realidade a igualdade tamén nos colectivos de mulleres en situación de vulnerabilidade”, segundo destacou esta mañá a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa celebrada para presentar esta convocatoria anual, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch, e a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira.

As axudas caracterízanse este ano polo criterio de máxima axilidade administrativa na convocatoria, “co obxectivo de adiantar a concesión das axudas e o seu pagamento ás entidades”, tal e como explicou a titular de Igualdade, que anunciou que o departamento fará un primeiro pagamento anticipado do 80% do importe das axudas unha vez que se concedan, “para que as entidades dispoñan dos recursos con inmediatez, asegurando a atención ás usuarias, nunha conxuntura na que coinciden a complexa situación e a maior demanda de servizos da cidadanía”. Cada entidade pode optar a unha axuda máxima de 80.000 euros.

A publicación da convocatoria nos primeiros días do ano vai permitir un notable adianto no procedemento, de xeito que está previsto que en maio estean resoltas, mentres en convocatorias anteriores resolveronse no mes de agosto. Este adianto conleva vantaxes para as entidades, que dispoñen dun prazo máis amplo de tempo para planificar e desenvolver os seus programas e, asemade, percibirán antes as axudas.

Un mes de prazo para presentación das solicitudes
As entidades dispoñen dun mes para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria, que como novidade tamén poden presentarse en sede electrónica.

Os colectivos beneficiarios dos programas desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria son as mulleres en situación de exclusión especial; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social, tales como reclusas, exreclusas ou drogodependentes; mulleres en situación de especial protección, como anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas; vítimas de violencia de xénero e mulleres xestantes e lactantes, a través de programas de acompañamento social, apoio psicolóxico, asesoramento e busca de emprego ou medidas de apoio urxente.

Axudas en 2011
No pasado ano, 50 entidades de toda Galicia acolléronse a esta liña de axudas, coas que desenvolveron accións de diversa natureza, entre as que houbo programas de atención a mulleres soas e dependentes, mulleres con discapacidade auditiva, intervencións con mulleres reclusas, mulleres xestantes e lactantes ou mulleres con síndrome de Down.

Igualdade destinou a esta liña de axudas 2,9 millóns de euros no trienio 2009-2011.

978 lecturas