O Servizo de Atención ás Migracións do Concello de Lalín atendeu a 572 persoas

Creou plans como Mestura Lalín e actividades formativas.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Servizo de Atención ás Migracións (SAMI) de Lalín atendeu no que vai de ano a 572 persoas, das que 355 son estranxeiras e 217 emigrantes e retornadas. Non obstante, o total de demandas foi moi superior, xa que alcanzou as 2.448 cunha media de catro por persoa: delas, 1.475 corresponderon ao colectivo inmigrante e 973 a emigrantes retornados e retornadas. Por parte dos primeiros, foron maioría as consultas sobre información e xestión de recursos e prestacións, con 383 casos, mentres para inserción laboral foron 219 casos, con 99 sobre cursos de formación e 89 sobre modificacióin da situación administrativa dos e das demandantes. Pola súa banda, no caso de emigrantes retornados e retornadas as peticións ao SAMI foron de diversa documentación comunitaria, dende fes de vida a cambios de entidade bancaria: un total de 473 consultas, moi por enriba do seguinte apartado, que foron as 78 peticións sobre información de fondos de pensións.

Para dar resposta ás demandas que efectúan todas as persoas que acoden ao servizo dependente da concellaría de Benestar e Emigración, os traballadores efectuaron xestións telefónicas, recollida e emisión de documentación, así como labor de seguimento de cada unha das consultas. Ademais das intervencións persoais tamén as realizaron a través do correo electrónico migracions@lalin.org.

A maiores dos traballos de asesoramento e tramitación dende o SAMI tamén se levaron a cabo outras actuacións de sensibilización e de fomento da participación cidadá, entre as que se encontra a coordinación do programa Vacacións en Paz 2011 xunto á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que supuxo que dous menores daquela rexión fosen acollidos por dúas familias lalinenses o pasado xullo e agosto

A aula de reforzo educativo e compensación dirixida ao alumnado inmigrante ou retornado en situación de risco ou exclusión social -incluída no programa de Apoio ás familias-, financiado por Xunta de Galicia e Ministerio de Traballo, contou con 22 nenos. O tandem intercultural interxeracional Mestura lalín, co mesmo financiamento, iniciado xa en decembro incluíu o cuarto Foro de Diálogo Intercultural, e sumou máis de 130 participantes. Por último, o programa de inmersión socio-lingüística, de novo con fondos Xunta de Galicia-Traballo, reuniu 15 mulleres para mellorar a súa formación en distintas áreas.

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

1095 lecturas