Roberto Varela recibe aos alumnos e alumnas do colexio arxentino Santiago Apóstol como “embaixadores culturais do pobo galego entre os dous continentes”

O conselleiro de Cultura e Turismo acompañou hoxe nunha visita á Cidade da Cultura a un grupo de 50 estudantes deste centro escolar, que están a visitar Galicia esta semana con motivo da súa viaxe de fin de estudos.

O colexio Santiago Apóstol, inaugurado en 1998, é unha obra da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires, a través da Fundación Galicia-América, que ten o propósito desenvolver un proxecto educativo bicultural en todos os niveis do ensino e acrecentar o proceso de conservación dunha identidade galego-arxentina.

Listen to this page using ReadSpeaker
30 de setembro de 2011.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela recibiu hoxe na Cidade da Cultura a un grupo de 50 alumnos e alumnas do colexio arxentino Santiago Apóstol, que están a visitar Galicia esta semana con motivo da súa viaxe de fin de estudos. O conselleiro deu a benvida a estes rapaces de Bos Aires asegurando que eles son “os embaixadores culturais do pobo galego entre os dous continentes, porque estades chamados desde xa mesmo a espallar o coñecemento de Galicia e utilizar estas pontes coas que a nosa identidade común nos agasalla”.

Roberto Varela recordou que a presenza hoxe en Compostela destes alumnos e alumnas arxentinos é “a proba do éxito daquela vella aspiración das comunidades galegas de Bos Aires, apoiada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Galicia América, de dispor dun centro de ensino, que do mesmo xeito que o Liceo Francés, o Instituto Alemán ou o Colexio Británico, que impartise todos os niveis educativos e incidira especialmente no coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da nosa lingua e das nosas tradicións”. “Este é un proxecto aberto a todos que permitiu que os fillos e descendentes de galegos, sen renunciar á súa identidade americana, puideran reencontrarse coas súas raíces en Galicia”, engadiu.

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo dirixiuse aos rapaces e rapazas salientando que “a expresión Galicia continental que utilizades ás veces para referirvos á nosa terra común, da fe de que a galeguidade é un sentimento, que vai máis alá de xeracións e de distancia, enriquecendo ao que ten o privilexio de levalo no seu interior”. Segundo o conselleiro, “a Galicia de hoxe non é a que deixaron, na distancia, que non no corazón, moitos dos vosos pais e os vosos avós, agora, desenvolvida e europea, e desde a súa estratéxica posición atlántica, non esquece o tesouro do seu capital humano espallado polo mundo, parte inseparable da nosa cultura e do noso sentimento”.

Ademais de coñecer hoxe o complexo arquitectónico e cultural do Gaiás, na súa estancia esta semana en Galicia os alumnos do “Santiago Apóstol” visitaron as instalacións do Museo do Mar, en Vigo, co obxectivo de coñecer en primeira persoa a cultura mariñeira galega. O grupo de rapaces tivo ademais a oportunidade de achegarse ata a Illa de San Simón para descubrir o patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico do arquipélago da Ría de Vigo.

Identidade galego-arxentina
Esta é a terceira promoción de alumnado do colexio Santiago Apóstol que vén a Galicia na súa viaxe de fin de estudos. Inaugurado en 1998, o Colexio Santiago Apóstol é unha obra da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires, a través da Fundación Galicia-América, que ten o propósito de desenvolver un proxecto educativo bicultural en todos os niveis do ensino. O primeiro colexio galego-arxentino na Galicia exterior naceu coa finalidade de acrecentar o proceso de conformación e conservación dunha identidade galego-arxentina por medio dunha educación bicultural modélica.

O ideario do centro márcase como obxectivo propagar e soster o ensino en calquera nivel, infundindo na aula o ideal de servizo e solidariedade e o coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da súa lingua, das súas tradicións, historia, folclore, arte e demais manifestacións.

1345 lecturas