Un novo dicionario en liña propón un modelo de pronuncia estándar para 60.000 formas do léxico común galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribuíu á realización deste recurso, que se basea no Dicionario de pronuncia da lingua galega, de Xosé Luís Regueira, editado pola RAG en 2010.

Ademais da transcrición fonética que se ofrece nesta publicación, o dicionario en liña permite escoitar a pronuncia das palabras.

Esta ferramenta busca facilitar a aprendizaxe do galego e ofrecerlles un modelo oral de referencia aos profesionais que traballan coa lingua falada.

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de agosto de 2011.

O Dicionario de pronuncia da lingua galega xa está dispoñible na rede para consulta aberta de todos os usuarios e usuarias de internet. A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribuíu á realización desta ferramenta en liña que propón un modelo de pronuncia estándar para o galego. Este novo recurso baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luís Regueira, publicado pola Real Academia Galega en 2010 no marco dun proxecto desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega.

Ademais da transcrición fonética que se ofrece nesta publicación, a versión electrónica do dicionario permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar, que foron gravadas coa colaboración da Compañía de Radio/Televisión de Galicia (CRTVG).

Os obxectivos prioritarios deste novo dicionario en liña, accesible no sitio web http://ilg.usc.es/pronuncia, son facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores, profesorado etc. Para isto, conta cun buscador no que poden introducirse palabras ou cadeas de caracteres. A páxina de resultados presenta a forma, a categoría gramatical, a transcrición e o arquivo de voz.

Este recurso tamén busca contribuír á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, en canto que difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego.

Nova versión do corrector lingüístico galego
Ademais de promover a realización dicionario de pronuncia en liña, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a promover e a apoiar outros recursos tecnolóxicos que tamén contribúen á calidade da lingua e ao seu prestixio social, e que lle ofrecen á cidadanía novas oportunidades para sentirse máis segura traballando e comunicándose en galego. É o caso da nova versión do corrector lingüístico Galgo, da empresa Imaxín Software, que estará dispoñible proximamente. Esta nova versión implementarase nas aplicacións ofimáticas Office 2003, 2007, 2010 e, por primeira vez no contorno de Apple, tamén no Word para Mac.

1725 lecturas