Santiago Camba preside a cesión do cruceiro máis meridional do mundo en Punta Arenas (Chile)

O secretario xeral da Emigración agradeceu ás autoridades locais a receptividade amosada historicamente polos chilenos á diáspora galega.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de presidir a cesión oficial dun cruceiro ás autoridades locais de Punta Arenas, capital da rexión de Magallanes e Antártica Chilena. Trátase dunha peza doada pola colectividade galega residente neste lugar, a cidade de máis de cen mil habitantes máis meridional do mundo.

Precisamente, mediante a cesión hoxe realizada, a gran pedra convértese no cruceiro máis ao sur dos rexistrados oficialmente, e estará ademais encravada nun auténtico paraíso, xusto ao leste dunha reserva natural, ao oeste do estreito de Magallanes, e fronte á illa de Tierra de Fuego, nun dos puntos máis fermosos do planeta.

Pola súa ubicación e simboloxía, o cruceiro suporá unha pegada indeleble nas xa intensas e extensas relacións entre as comunidades chilena e galega, marcadas polo pasado e presente en común, e fornecidas polo interese empresarial no desenvolvemento de industrias relacionadas coa pesca e a conserva.

O secretario xeral da Emigración salientou de feito no seu discurso que “as xeografías de ambos países están salpicadas por tódolos accidentes imaxinables derivados da escarpada orografía que producen eses xigantes abrazos entre mar e montaña; chilenos e galegos sabemos o que é un duro inverno, e un tórrido verán, e coñecemos a necesidade de arrincar á terra, e ao mar, os froitos necesarios para garantir a subsistencia propia, e a das xeracións vindeiras. Trátase dun vínculo ancestral que nos enlaza cos nosos antepasados, si, pero que tamén supón o máis firme compromiso con quen ha sucedernos neste planeta”.

Mañá, a Chiloé
Camba desenvolverá un acto similar mañá un pouco máis ao norte, no arquipélago de Chiloé, co que Galicia ten moitas similitudes culturais e etnográficas. Asemade, con Chiloé existen arestora importantes vinculacións empresariais que derivan, precisamente, do aproveitamento marítimo e pesqueiro.

O máximo responsable autonómico da Emigración rematará esta viaxe en Lima, cidade que aínda non visitou na súa condición de secretario xeral da Emigración. Na capital do Perú manterá un encontro coa colectividade galega, e tamén, o mesmo ca no caso de Chile, cos empresarios con intereses nese país andino.

1139 lecturas