Santiago Camba inicia este luns unha viaxe por Sudamérica que lle levará a Chile e Perú

Reunirase coa colectividade en Punta Arenas, Chiloé, Santiago e Lima.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2011.

O secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, comeza este luns unha viaxe por terras de Sudamérica, que se inicia en Chile e continúa en Perú, para tomar contacto coa colectividade galega residente en ambos os dous países da Cordilleira andina.

O responsable de Emigración da Xunta de Galicia comezará a súa estada en Chile cunha visita a Punta Arenas, onde asistirá ao acto de cesión oficial dun 'cruceiro' doado polo Goberno autonómico á comunidade galega na mencionada cidade que, por motivos históricos, demográficos, sociais e estratéxicos, está considerada tamén como a 'Capital da Patagonia Chilena'.

O 'cruceiro', que será entregado o mércores, día 3, estará situado na localidade de Punta Arenas, concretamente, no Parque Ciudad Rey Don Felipe situado a 50 quilómetros da Patagonia chilena, en Baía Mansa.

Santiago Camba será o encargado de realizar unha entrega simbólica á municipalidade, xa que as condicións climatolóxicas impiden a instalación do cruceiro. A inauguración oficial terá lugar o 25 de marzo do próximo ano, coincidindo co aniversario da fundación da Cidade Rei Don Felipe, a cal tivo lugar no ano 1584 por parte de Pedro Sarmiento de Gamboa.

Segundo o vicepresidente da Sociedade Española de Punta Arenas, Alfredo Barbería, a idea de colocar un 'cruceiro' partiu do cónsul, Víctor Fagilde, e con el "preténdese simbolizar a presenza galega na zona", xa que dos 300 socios que alberga esta institución, o 40% son galegos e o resto son asturianos e membros da Sociedade Español de Socorros Mutuos.

Finalizada a súa estanza na porta de entrada á Rexión Austral de Chile, o secretario xeral trasladarase a Chiloé, onde desenvolverá unha axenda similar á de Punta Arenas. A Provincia de Chiloé está formada por case a totalidade do Arquipélago de Chiloé, composto pola Isla Grande de Chiloé e unha serie doutras máis pequenas (máis de corenta en total), cunha extensión de 9.181 quilómetros cadrados.

Santiago Camba aproveitará a súa estanza na cordilleira dos Andes para visitar Santiago de Chile. A recente emigración galega instalada no país está vinculada a Pesca Chile, empresa pesqueira pertencente ao Grupo Pescanova, compañía española que durante máis de catro décadas foi pioneira no desenvolvemento da industria do peixe conxelado.

O secretario xeral tamén ten previsto aproveitar a súa estanza na zona oeste de América do Sur para achegarse a semana que vén a Perú, país que hai tempo non visita, e establecer contacto coa colectividade galega na capital.

Fuente:  Crónicas da Emigración

1057 lecturas