Emigración e Concello da Coruña renovan o convenio en materia de inmigración

O acordo, que implica a contratación de dous técnicos, posibilita a atención directa a máis do 12 por cento da poboación inmigrante.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Inmigración, Santiago Camba, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinaron esta mañá no Pazo de María Pita o convenio de colaboración para o funcionamento dunha unidade de atención, información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral dirixido a inmigrantes e retornados, desenvolvido polo propio Concello coruñés.

O acordo ten vixencia ata o último día de 2011, aínda que boa parte das accións previstas xa se están a desenvolver por parte da administración local herculina. No texto estipúlase que dentro do persoal da Unidade deberá figurar, polo menos, un/unha licenciado/a en dereito con formación específica en materia de estranxeiría, e un/unha traballador/a social.

A achega realizada pola Secretaría Xeral é de 50.000 €, cantidade que completa o Concello con outros 20.000 para a dotación mínima establecida. Acordos semellantes ao hoxe asinado na Coruña existen noutras cidades galegas con variables estatísticas similares.

Precisamente, e atendendo aos datos oficiais do censo, cómpre salientar que no municipio da Coruña residen en torno a 12.300 inmigrantes, e constan como beneficiarios directos da acción da Unidade municipal 1.494. Daquela, a porcentaxe de persoas inmigrantes que gozan directamente do traballo da Unidade, respecto do universo total de posibles destinatarios, é do 12’10 por cento, un dato que arroxa luz sobre a importancia e eficacia do labor realizado na Unidade.

Funcións
Entre as funcións da oficina, e que se estipulan no acordo, están as de Informar ás persoas inmigrantes sobre a súa situación xurídica, e sobre os trámites administrativos a realizar. Neste sentido, asesora na tramitación de autorizacións de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, e calquera outro trámite administrativo que estas persoas precisen, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas e/ou sanitarias ás que tivesen dereito.

Igualmente, a Unidade debe facilitar todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral, así como outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa plena integración no mercado laboral. Tamén deberá promover a incorporación dos inmigrantes e retornados ás redes sociais e á vida comunitaria, mesmo a través de intervencións individuais e familiares.

Finalmente, aínda que non menos importante, é tamén función da Unidade municipal a emisión de tódolos informes e/ou certificacións que a lexislación en materia de estranxeiría determine no ámbito das Comunidades Autónomas.

1154 lecturas