Roberto Varela destaca que Rock in Way permitirá a “bandas galegas cun enorme futuro compartir cartel con artistas consagrados” como The Offspring, Toy Dolls ou Rinôçerôse

O festival Rock in Way Estrella Galicia desenvolverase en Santiago os días 9 e 10 de setembro. Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, achegará “vinte grupos diferentes, dous escenarios e unha atractiva oferta complementaria de actividades lúdicas” ao Monte do Gozo, “un dos lugares máis emblemáticos do fenómeno xacobeo”.

Os americanos The Offspring, os británicos Toy Dolls e os franceses Rinôçerôse compartirán escenario con importantes formacións como Las Pelotas, Delorean, Tote King, Söber ou Muchachito Bombo Infierno. O conselleiro subliñou ademais que ‘Rock in Way’ amosará “o gran nivel que teñen os grupos de Galicia e o excelente estado da nosa música” a través de Triángulo de Amor Bizarro, The Blows, Niño y Pistola, Dirty Socks, Igloo, Dirty Socks, Los Chavales, Novedades Carminha, Riff Raff ou TeMazo Showcase.

“Rock in Way converterá as vías de peregrinación nun gran Camiño de cultura, de intercambio e de celebración e axudará a poñer en valor, difundir e encher de vida as rutas de Compostela a través dunha atractiva proposta musical e festiva”, afirmou o conselleiro. Neste sentido, en ‘Rock in Way’ os peregrinos terán unha presenza importante e contarán con ofertas especiais deseñadas para eles, cun desconto do 10 por cento no prezo do abono. Os asistentes terán rebaixas no aloxamento no Monte do Gozo e haberá unha zona de acampada gratuíta.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de xuño de 2011.

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou o pasado mércores no Pavillón de Galicia o festival Rock in Way Estrella Galicia que se celebrará no Monte do Gozo de Santiago de Compostela os días 9 e 10 de setembro. Segundo o conselleiro, Rock in Way permitirá que “bandas bandas galegas cun enorme futuro compartan cartel con artistas consagrados, dándolle así proxección e visibilidade ao seu traballo”. Roberto Varela desvelou os nomes dos principais protagonistas dun festival que terá como cabezas de cartel a “bandas internacionais contrastadas e cunha longa traxectoria tras de si” coma os americanos The Offspring, os británicos Toy Dolls ou os franceses Rinôçerôse. A presentación do festival contou ademais coa participación da directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero; a responsable de márketing de Estrella Galicia, Mónica Vizcaíno; o director de márketing de Gadis, Antonio Cortés; e o representante de Zircozine Music e director de Rock in Way, Farruco Castromán.

O titular de Cultura asegurou que Rock in Way “está pensado para ser unha gran festa popular, especialmente dedicada aos milleiros de afeccionados á música que hai en Galicia” a través dun cartel que “ofrece un bo repaso aos últimos 30 anos da música rock, pop, punk e indie”. O conselleiro anunciou que xunto aos cabezas de cartel actuarán “os arxentinos Las Pelotas e grandes nomes do panorama nacional como Delorean, Söber, Tote King ou Muchachito Bombo Infierno”. Neste sentido, Roberto Varela destacou que Rock in Way amosará “o gran nivel que teñen os grupos de Galicia e o excelente estado de saúde da nosa música” xa que os grupos galegos “terán un grande protagonismo”. Entre eles, o conselleiro mencionou “algúns referentes de festivais e concertos por toda España” como Triángulo de Amor Bizarro, The Blows ou Niño y Pistola e “prometedores proxectos” como Dirty Socks ou Igloo. Nembargante, apuntou que, á marxe destes nomes “haberá máis sorpresas que se desvelarán proximamente”.

O conselleiro de Cultura e Turismo salientou a importancia do Monte do Gozo como escenario do festival Rock in Way xa que representa “un dos lugares máis emblemáticos do fenómeno xacobeo” e “un dos puntos neurálxicos do Camiño de Santiago”. Roberto Varela amosou a súa satisfacción porque “se teña convertido nun grande escenario de celebracións culturais” e lembrou o “éxito sobresaínte de dous destacados eventos da programación do Ano Santo, o Xacobeo 10 e o MTV Galicia”, celebrados no seu día no auditorio do Monte do Gozo.

O responsable de Cultura e Turismo subliñou a relevancia dun festival que contará con “vinte grupos diferentes, dous escenarios e unha atractiva oferta complementaria de actividades lúdicas e de lecer, con obradoiros e espazos para o cine e a aventura”. En verbas do conselleiro, Rock in Way converterá “as vías de peregrinación nun gran Camiño de cultura, de intercambio e de celebración” e axudará a “poñer en valor, difundir e encher de vida as rutas de Compostela a través dunha atractiva proposta musical e festiva”. Deste xeito, Roberto Varela anunciou “ofertas especiais para os peregrinos nos prezos das entradas, rebaixas no aloxamento e unha zona de acampada gratuíta”.

Pola súa banda a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero asegurou que Rock in Way responde a “unha programación especial para o verán compostelán de 2011 dirixida a santiagueses, galegos, turistas e peregrinos”. Para a directora-xerente, o festival do Monte do Gozo “é unha aposta polo rock de máis calidade nun lugar privilexiado do Camiño”. A primeira edición de Rock in Way, é segundo Camino Triguero “unha proposta totalmente nova e anovadora, nacida para axuntar, desde a súa mesma denominación, música atractiva, cultura e Camiño, con calidade e proxección cara ao exterior e, se os resultados son os esperados, cara ao futuro”.

20 bandas
Nesta primeira edición, o festival contará con dous escenarios, o Escenario Principal e o Escenario de Galicia, un número aproximado de 20 bandas, cun cartel encabezado por The Offspring, unha ampla presenza de grupos internacionais, e un peso decisivo das bandas galegas. A programación irá máis aló do musical, con cinema, talleres de diversos tipos e unha atractiva oferta de actividades de ocio e aventura.

The Offspring son Dexter Holland (voces, guitarra), Noodles (guitarra), Greg K (baixo) e Pete Parada (batería). A formación xorde cando, en 1984, Dexter e Greg, amigos da escola secundaria, deciden formar unha banda en Garden Grove, California. O disco Smash (1994)deulles a fama, o prestixio internacional e os seus primeiros grandes éxitos. Con Americana (1998) venderon 13 millóns de discos en todo o mundo. O seu último álbum, Rise and Fall, Rage and Grace (2008) demostra que seguen en forma e son unha das referencias do rock máis próximo ao punk dos 90 ata hoxe. En total The Offspring publicou oito álbums, realizou máis de mil concertos en todo efabricou hits incombustibles como Self Esteem, Come Out And Play (Keep´Em Separated), The Kids Aren´t Alright, Hammerhead’ Ou o recente You´re Gonna Go Far, Kid, entre moitos outros. O seu característico son e a súa vitalidade converteron a The Offspring nunha banda internacional de culto que conta con millóns de acérrimos seguidores.

Como cabezas de cartel, acompañando a The Offspring, estarán os británicos Toy Dolls e os franceses Rinôçerôse. Toy Dolls é un dos grandes grupos británitos de punk rock dos 80. En 32 anos de traxectoria o trío fíxose cunha recua de admiradores en Europa, Estados Unidos e Xapón. Despois de visitar ducias de países nos últimos anos, en 2011 só farán dous concertos, e un deles será o de Rock in Way Estrella Galicia. Por outra banda, rock, música electrónica e dance cítanse na música de Rinôçérôse, un dúo francés que traslada ao escenario a enerxía sonora dos seus discos. Estes nomes de relevo estarán acompañados por Las Pelotas, un dos grupos máis coñecidos e respectados de Arxentina, e grandes nomes do panorama nacional como Muchachito Bombo Infierno co seu son optimista a base de ritmos de ventos, percusións, teclados e guitarras rumberas; Sôber, un dos nomes propios do rock e o metal alternativos en España; ou Delorean, coa súa música de baile pinchada polos djs máis reputados do mundo. No que respecta aos grupos galegos destaca Triángulo de Amor Bizarro, no que se mesturan sons shoegaze, punk, pop, distorsións para o eloxio do público e da crítica e outros grupos como Niño y Pistola, The Blows, Igloo, Dirty Socks, Los Chavales, Novedades Carminha, Riff Raff ou TeMazo Showcase.

Venda de entradas e desconto para peregrinos
As entradas sairán á venda a partir do martes 28 de xuño. Os 5.000 primeiros abonos de dous días terán un prezo de 29 euros máis gastos de xestión, nunha oferta que se estenderá ata o 17 de xullo ou esgotar existencias. Un acordo con Hotel Ciudad de Vacaciones Monte do Gozo permitirá aos que adquiran abonos reservar aloxamento con prezos especiais no albergue e o hotel situados ao lado do recinto dos concertos.

Para premiar a aqueles que decidan facer o Camiño de Santiago e asistir a Rock in Way Estrella Galicia, haberá unha rebaixa do 10% no prezo do abono para os peregrinos que conseguirán a compostela nos últimos 30 días antes de mercar o abono. Os que queiran beneficiarse desta oferta terán que adquirilo en A Reixa Tenda, punto de venda en Santiago, onde presentarán a compostela e entregarán unha fotocopia.

Os puntos de venda serán os seguintes:
- Ticketmaster: www.ticketmaster.es
- Novacaixagalicia: 902 43 44 43, www.novacaixagalicia.es, www.servinova.com
- A Reixa Tenda (Santiago) Pub A Reixa (Santiago).
- Discos Portobello (A Coruña).
- Discos Elepé (Vigo)
- Peggy Records (Ourense).
- Don Disco (Lugo)
- Hiper Froiz (Pontevedra).

 

1076 lecturas