Igualdade destina 200.000 euros a consolidar o movemento asociativo de mulleres en Galicia

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para as asociacións de mulleres.

As axudas teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e funcionamento e outra a promoción de hábitos saudables para as mulleres.

A contía máxima por entidade é de 6.000 euros e as interesadas poderán solicitar as axudas nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ata o próximo 1 de xullo.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade de axudas económicas a favor das asociacións de mulleres en Galicia, coa finalidade de promover a igualdade e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, que en 2011 contan cun orzamento de 200.000 euros.

A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular, e ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades. Por iso, pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, que este año teñen como novidade que hai dúas liñas de actuación.

Unha primeira liña dirixida á consolidación do movemento asociativo, polo que se concederán axudas para a compensación dos gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións. A segunda liña de actuación está destinada a promoción de hábitos de vida saudables, polo que as axudas serán para compensar os gastos correntes e/ou de persoal das actividades realizadas con esta finalidade.

A presente convocatoria ten un orzamento de 200.000 euros e a contía de cada axuda determinarase sobre a base de puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos, e poderá alcanzar como máximo o 90% do total do orzamento presentado por cada asociación ou federación, sen que en ningún caso supere os 6.000 euros por entidade beneficiaria. Cada asociación ou federación só poderá solicitar axudas para unha das dúas liñas de actuación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta, entre outros criterios, as actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade; a participación en actividades formativas organizadas polas administracións públicas no ámbito da igualdade; que teñan domicilio social en municipios pequenos, así como que sexan asociacións de nova ou recente creación.

As entidades que desexen solicitar estas axudas, poderán facelo ata o 1 de xullo nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución, que pode encontrarse na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdadegalicia.org.

A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, se transcorrido o dito prazo non se notificaran as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas.

1023 lecturas