O Goberno galego contribúe ao financiamento da atención social de máis de 10.000 galegos residentes en Caracas

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, visitaron onte o centro da Hermandad Gallega en Caracas onde asistiu á toma de posesión da nova directiva.

Na súa intervención, destacou “a firme vocación de apoio mutuo que distingue como pobo solidario en todo o planeta” á colectividade galega.

Listen to this page using ReadSpeaker
30 de maio de 2011.

A Xunta de Galicia colaborará coa Hemandad Gallega de Venezuela en Caracas para contribuír á atención das necesidades socio-asistenciais das que se poderán beneficiar os máis de 10.000 galegos que forman parte de dita asociación, unha das máis grandes das que existen no mundo.

Así se reflicte no convenio subscrito entre ambas institucións, sinatura na que estiveron presentes o Secretario Xeral da Emigración da Xunta, Santiago Camba; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e o recentemente reelixido presidente da Hemandad Gallega de Venezuela en Caracas, Antonio Piñón.

Este convenio ten por obxecto establecer o marco da colaboración entre as entidades asinantes co fin de contribuír á atención das necesidades socio-asistenciais básicas dos cidadáns galegos residentes en Caracas (Venezuela) que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal.

Ademais, nas súas instalacións, a citada entidade xestiona e administra un centro de día no que proporciona aos emigrantes galegos actividades sociais, culturais e recreativas e asistencia mutua e de saúde.

A entidade promoverá o benestar integral dos maiores e das súas familias, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social. Para a consecución destes obxectivos desenvolverá actividades de carácter promocional, de estimulación e prevención, e ofertará servizos de atención social individualizada, alimenticia, á saúde e integral.

Os destinatarios destes programas serán as persoas de orixe galega ou descendentes destes ata o primeiro grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en Caracas (Venezuela), que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal.

Na súa intervención, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou “a firme vocación de apoio mutuo que distingue como pobo solidario en todo o planeta” á colectividade galega, o que quere dicir que “soubemos sumar vontades na diáspora para apoiarnos mutuamente despois de emprender o difícil camiño da emigración”.

No último acto da xornada, Mato e Camba, asistiron ao acto de toma de posesión da nova xunta directiva da Hermandade Gallega de Venezuela de Caracas, que conta con máis de 10.000 socios galegos.

1413 lecturas