O presidente da Xunta transmite a solidariedade e o sentido pésame en nome do pobo galego ás familias das vítimas do terremoto de Lorca

Informa de que a Xunta ofreceu a súa colaboración ao Goberno de Murcia e puxo á súa disposición todos os medios que posúe en caso de ser requiridos.

“Galicia está conmocionada polo ocorrido e quere que todos os veciños de Lorca e de Murcia saiban que está cerca dos seus problemas e os sinte como propios”, resalta.

Listen to this page using ReadSpeaker
13 de maio de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu onte a solidariedade e o sentido pésame de todo o pobo galego ás familias das vítimas do terremoto que sacudiu onte a cidade de Lorca, en Murcia. Feijóo manifestou que, como o resto da sociedade española, “Galicia está conmocionada polo ocorrido e quere que todos os veciños de Lorca e de Murcia saiban que está cerca dos seus problemas e os sinte como propios”.

Segundo informou, a Xunta contactou onte co Goberno da rexión de Murcia para reiterarlle a súa solidariedade e cercanía, e para ofrecerlle a súa colaboración e todos os medios que posúe para poñelos á súa disposición en caso de ser requiridos. Galicia, dixo, “quere estar preto da súa dor, do seu sufrimento e das súas ganas de saír adiante e recuperar a normalidade no menor tempo posible”.

O titular da Xunta reiterou a mensaxe solidariedade ao pobo murciano e expresou o seu desexo de que “coa menor brevidade posible” poidan recuperar a normalidade das súas vivendas e inmobles afectados, así como dos servizos públicos esenciais.

1641 lecturas