Declaración Institucional da Xunta de Galicia co gallo do Día de Europa

Listen to this page using ReadSpeaker
9 de maio de 2011.

Hoxe, 9 de maio, celebramos o Día de Europa, data na que conmemoramos a Declaración Schuman, texto que sentou as bases da unión e do futuro común dos pobos europeos. Este pronunciamento alentaba aos gobernos a xuntar os seus esforzos e destinos, colaborando para alcanzar unha paz estable e duradeira que permitise o desenvolvemento económico e social duns países duramente castigados polos conflitos bélicos.

Sesenta e un anos despois, os desafíos desta Unión Europea na que viven case 500 millóns de persoas seguen sendo moi importantes. O papel da UE no mundo, e máis concretamente nos conflitos actuais, o establecemento dun novo modelo económico máis competitivo, sostible e que integre toda a sociedade e o fortalecemento dos vínculos coa cidadanía son algúns destes desafíos.

Galicia, cunha tradición histórica claramente europeísta, participa nos obxectivos, principios e actuacións comunitarios. Malia os momentos difíciles que os vinte e sete Estados membros estamos a vivir por mor da crise económica que obriga a todas as administracións, incluída a galega, a facer “máis con menos”, cremos na Unión Europea como unha ferramenta clave para o desenvolvemento económico, medioambiental e social de Galicia.

Neste contexto, a UE adoptou unha estratexia política para os próximos dez anos, coñecida como a “Estratexia Europa 2020”, que establece tres alicerces básicos para saír da crise: unha economía baseada no coñecemento e na innovación, respectuosa co medio ambiente, e asentada na cohesión social e territorial. Nós, como galegos e europeos tomamos parte nas actuacións europeas e comprometémonos cos seus obxectivos. Neste senso, a Xunta de Galicia elaborou un “Plan estratéxico Galicia 2010-2014: horizonte 2020” que se está a consensuar co Parlamento de Galicia e con todos os axentes económicos e sociais na nosa comunidade autónoma.

Asemade, Galicia segue a traballar no eido da cohesión territorial e de xeito especial na cooperación transfronteiriza, estreitando lazos cos nosos veciños portugueses. Galicia e o Norte de Portugal conforman unha das eurorrexións máis activas de todo o territorio comunitario. Este dinamismo explícase non só polos vínculos históricos e culturais, senón tamén polos esforzos das administracións galega e portuguesa ó canalizar a actividade empresarial desta área e potenciala, dotándoa de institucións que como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, velan pola superación das fronteiras en beneficio dos cidadáns.

Na actualidade gozamos dunha Europa máis dinámica, próxima e transparente, forxada ao longo dos anos por momentos de avance e de reflexión, froito dos esforzos iniciais asumidos por uns cantos homes idealistas como Monnet, De Gasperi, Adenauer ou Altiero Spinelli, e que agora recaen en todos nós, cidadáns europeos, veciños.

Porén, como parte do noso compromiso co futuro común, o Goberno galego convídavos a celebrar esta data e os valores que representa: paz, prosperidade e unión.

1436 lecturas