A Xunta participa na conmemoración do XXX aniversario da Asociación Cultural “As Xeitosiñas” de Zürich (Suiza)

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, destacou o “traballo ben feito, o labor constante de renovación e a permanente loita pola mellora” da asociación.

Durante a cea homenaxe actuou a representante española deste ano en Eurovisión, a galega Lucía Pérez, natural do Incio (Lugo).

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de marzo de 2011.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, participaron onte na cea conmemorativa do XXX Aniversario da asociación “As Xeitosiñas”, que tivo lugar en Zürich (Suiza) e na que participaron arredor dun millar de emigrantes, na súa maioría galegos.

No acto, ao que tamén asistiu o Cónsul Xeral de España, Eduardo Junco Bonet, Rueda destacou a ampla traxectoria da asociación cultural “As Xeitosiñas”, nada en 1981 no seo da Misión Católica de Lengua Española, un dos referentes dos españois na Confederación Helvética e un exemplo traballo a prol da emigración galega en todo o mundo.

Así, o titular de Presidencia da Xunta, felicitou á asociación polo “traballo ben feito, o labor constante de renovación e a permanente loita pola mellora” que ten levado a cabo nestas tres décadas de existencia. Por todos estes motivos, tamén quixo destacar o traballo da actual directiva da asociación e lembrar a todas as anteriores que contribuíron a “facer país” en Suíza.

Durante a cea houbo varias actuacións musicais, ao cargo, entre outros, da banda de gaitas e baile da propia homenaxeada, “As Xeitosiñas”. Como invitada especial tamén actuou a representante española deste ano en Eurovisión, a galega Lucía Pérez, natural do Incio (Lugo).

O conselleiro de Presidencia agradeceulle persoalmente o seu recordo desde primeiro momento da diáspora galega e a súa disposición de espallar e compartir a súa voz con todos os galegos do exterior. Ademais, Rueda desexoulle moita sorte o vindeiro mes de maio en Düsseldorf e aseguroulle que pode contar co apoio de todos os galegos, posto que a súa vitoria “será tamén a nosa”.

Rueda tamén destacou especialmente o apoio da Xunta á diáspora galega en distintos ámbitos e subliñou que esta viaxe oficial a Suíza, ao igual que a que fixo hai dúas semanas a Chile, proban que o compromiso do Goberno galego coa emigración segue vixente e a colectividade galega no exterior segue a ter gran importancia á hora de definir as actuacións de Goberno.

O acto concluíu coa entrega de 16 diplomas aos participantes do grupo “As Xeitosiñas” no V Día da Galicia Exterior, que tivo lugar en agosto de 2010 en Santiago de Compostela, e a actuación da banda musical “Nueva Época”.

 

Fotos: Galicia en el Mundo

1584 lecturas