Os primeiros edificios con galerías de España

Foron construídos no barrio da Madalena de Ferrol a finais do XVIII.
Os primeiros edificios con galerías de España

A cidade de Ferrol foi pioneira no urbanismo moderno. O Barrio da Madalena, ideado a mediados do século XVIII para acoller a nova poboación nacida ao amparo dos estaleiros e do arsenal militar, emprega por vez primeira a galería, ese espazo ponte entre o cuarto da vivenda e a rúa que acabaría por singularizar ás construcións típicas de Galicia. O historiador ferrolano Guillermo Llorca sinala que "a galería naceu en Ferrol, e o fixo a finais do século XVIII, anos antes que na Coruña, capital onde logo alcanzarían o seu máximo esplendor,".

A orixe desta nova técnica de construción que se poñía en marcha no noroeste español non está clara. Arquitectos e historiadores falan dos castelos de popa que os carpinteiros construían para as embarcacións (ou ben unha adaptación de invernadoiros de carácter nórdico, aínda que é pouco crible que esta técnica chegase ata aquí). O feito é que aparecen nesa época por vez primeira no Ferrol en toda a súa maxestosidade. Os mestres artesáns que aprenderan o seu oficio no Arsenal foron os seus primeiros construtores.

Hoxe, á parte das galerías ferrolanas e as coruñesas da Mariña, hai brillantes exemplos por toda Galicia. Un dos máis curiosos e descoñecidos é unha galería moderna única que se pode ver no concello lucense de Taboada: mide 150 metros cadrados, é de aluminio branco, e ten a singularidade de que rodea completamente a vivenda do seu propietario, Manuel Dono.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1337 lecturas