Educación e inserción laboral feminina centraron a atención no Encontro da Inmigración 2010 organizado pola Xunta de Galicia.

No acto, celebrado en Burela, participaron máis de 200 persoas, entre elas Ana Pastor, Susana López Abella, Raquel Arias e Antonio Aguarón.

Listen to this page using ReadSpeaker

Máis de 200 persoas participaron este sábado no Encontro da Inmigración 2010, un acto organizado pola Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, e no que estiveron presentes colectivos de estranxeiros afincados en Galicia e diversas autoridades locais e nacionais. A actividade celebrouse co gallo do Día Internacional das Persoas Migrantes.

Abriu a xornada a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, quen dou a benvida a tódolos participantes e lembrou a importancia social e económica do feito migratorio na actualidade. Neste feito Burela é símbolo importante, por canto a localidade luguesa é un punto referencial na convivencia entre inmigrantes e galegos nativos, por mor do importante fluxo de profesionais da pesca chegados de terceiros países, nomeadamente Cabo Verde. Estes traballadores, desde hai anos, súmanse á poboación residente, tras ter fixado aquí a súa vida, e a das súas familias.

De seguido, tomou a palabra a vicepresidenta segunda da Mesa do Congreso dos Deputados e ex ministra de Sanidade e Consumo, Ana Pastor, quen pronunciou unha conferencia sobre ‘Inmigración e cohesión social: construíndo Galicia’. Pastor debuxou tres realidades para a cohesión social presente e futura, que son a integración laboral da muller, o aumento na esperanza de vida, e a crecente importancia estatística do fenómeno migratorio. A tal efecto, lembrou que no ano 2000 en España a poboación inmigrante só supuña o 2 por cento do global, fronte ao 12’2 da actualidade.

Baixo estas premisas, asegurou Pastor, a formación educativa das persoas migrantes sitúase como o principal fito para as administracións cara a consecución dunha plena integración social dos inmigrantes. Pastor afirmou que, neste eido, “Galicia é terra para novas ideas e oportunidades de futuro”.

A muller, garante
Tras unha breve pausa, a xornada continuou con outra conferencia sobre ‘A inclusión social en Galicia’, relatorio que correu a cargo da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella. Abella fixo un percorrido polos distintos programas de inclusión social que a Xunta de Galicia leva a cabo, e salientou a gran importancia da integración da muller como garante para unha integración efectiva dos inmigrantes na sociedade galega.

O encontro foi clausurado polo subdirector xeral do Retorno e da Inmigración da Xunta, Antonio Aguarón, e concluíu coa actuación musical de Batuko Tabanka, e un xantar compartido por tódolos participantes. Coa realización desta xornada, a Secretaría Xeral da Emigración pretende favorecer o coñecemento mutuo das asociacións de inmigrantes da comunidade autónoma, e contribuír á visualización da achega das persoas inmigrantes que viven e traballan en Galicia ao progreso cultural, social e económico común.

1712 lecturas