A produción galega «Os Crebinsky» estréase internacionalmente no Festival de Cine de Pusan

O filme de Enrique Otero compite no certame na sección de Flash Forward, a única aberta a películas de fóra de Asia.

Listen to this page using ReadSpeaker
1 de outubro de 2010.

O cineasta galego Enrique Otero estreará a súa película "Os Crebinsky" no mercado internacional ao grande. A produción proxectarase, o próximo día 9 de outubro, no Festival de Cine de Pusan, en Corea do Sur, que é a porta de entrada do cine europeo en Asia.

Ademais, a cinta galega competirá na sección de Flash Forward, unha das tres de carácter competitivo do festival e a única aberta a películas de fóra de Asia.

Antes de acudir a Corea do Sur, chegará a Lugo, o próximo día 6 de outubro, dentro da programación de San Froilán, o espectáculo "O mundo dos Crebinsky", que inclúe un desfile a xeito de charanga festiva dende o centro da cidade ata a sala onde se proxectará a película, na Facultade de Veterinaria.

Na cinta, Enrique Otero narra a historia de dous irmáns, os Crebinsky, que naceron froito do amor entre Vladimir Crebinsky e Maria Cribeiro. Vladimir é un piloto ruso que chegou ás nosas terras tras sufrir o primeiro accidente aéreo da historia, e María Cribeiro, unha galega que na súa actividade diaria percorrendo o río encontrou a Vladimir, con quen compartirá o resto da súa vida.

 

2493 lecturas