Santiago Camba inaugura en Córdoba (Arxentina) a exposición "Olladas no Camiño de Santiago". Xacobeo 2010

Córdoba é o cuarto destino no seu percorrido polo interior do país para dar a coñecer Galicia e o Camiño de Santiago en Arxentina.

Xunto ao Secretario de Cultura da Provincia, José Jaime García Vieyra.

Nun acto con representación do Goberno provincial, municipal, da Embaixada de España e das institucións da colectividade española e galega.

Preto de 40 imaxes de Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Vilariño e Tino Viz exporanse ata o 18 de abril.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de marzo de 2010.

O Secretario de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, e o Secretario de Cultura da Provincia de Córdoba, José Jaime García Vieyra, inauguraron este luns no Paseo del Buen Pastor a mostra fotográfica Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010

Este acto contou con nutrida presenza de público e coa participación do Cónsul Xeral de España en Córdoba, Rafael Soriano Ortíz, a subsecretaria de Saúde da Provincia, Maria Teresa Puga, o Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, así como das institucións da emigración española e galega na zona.

O Secretario de Cultura da provincia, José Jaime García Vieyra, destacou na súa intervención que “os camiños fan cultura” e que son “os homes quen os constrúen”. Neste sentido, asegurou que cando lle presentaron o proxecto de realizar esta exposición en Córdoba valorou de contado a posibilidade de realizala porque, segundo explicou, ademais da “estreita relación que une esta provincia con España”, porque a experiencia do Camiño de Santiago é “unha achega moi importante” para o proxecto do “Camiño Real” cordobés.

“O Camiño de Santiago tráenos –manifestou García Vieyra- unha mostra importante do que é esa vía, que é como a vida. Porque os camiños non se fixeron solos, hai que construír camiños e construír historia”. Nesta liña, engadiu que “nesa vontade estamos unidos Córdoba e Galicia”.

Pola súa banda, o Secretario Xeral da Emigración do Goberno galego agradeceu a colaboración do Goberno local de cara a esta iniciativa e salientou que “boa parte do que os galegos aprendemos como pobo nos veu dado pola peregrinación xacobea” así como por outras peregrinacións como “a emigración a terras como esta Córdoba de Arxentina”.

Así mesmo, Santiago Camba trasladou aos presentes a invitación do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para visitar Galicia durante este ano, “un ano que ten un significado tan especial, engadindo á celebración propia do reencontro coa patria eterna e a celebración universal que alí se está a vivir”.

Olladas no Camiño de Santiago
Olladas no Camiño de Santiago é unha exposición organizada pola Xunta de Galicia para difundir en Arxentina o Xacobeo 2010. Na súa presenza en Córdoba, reúne preto de 40 imaxes de Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Vilariño e Tino Viz. As fotografías estarán emprazadas na galería exterior do Paseo del Buen Pastor ata o vindeiro 18 de abril, con entrada libre e gratuíta.

Córdoba é un dos principias puntos deste percorrido que levará a exposición pola xeografía arxentina. Trala súa inauguración en Buenos Aires polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no mes de decembro de 2009, Olladas estivo tamén nas localidades bonaerenses de Villa Gesell e Mar del Plata. Córdoba alberga unha grande cantidade de cidadáns galegos e españois, unha grande vocación relixiosa e un importante interese pola cultura internacional.

Traballo conxunto
Esta iniciativa conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Provincia de Córdoba, a Axencia Córdoba Turismo, o Consulado Xeral de España en Córdoba, a Fundación Muller, Paz e Desenvolvemento e o Paseo del Buen Pastor. Tamén participan: Casa de España, Centro Galego de Córdoba, Consello de Residentes Españois no exterior e o Arcebispado de Córdoba.

Paseo del Buen Pastor
O Paseo del Buen Pastor está emprazado no centro mesmo da cidade de Córdoba e, desde o ano 2004, está a funcionar como lugar concibido para a música, o teatro, as artes visuais, a danza, o turismo e a recreación, aberto a todos. En 1897 emprazouse a pedra fundamental deste complexo creado como residencia en Córdoba da Congregación Nosa Señora da Caridade do Bo Pastor de Aengers e asilo correccional de mulleres e menores. Ata o ano 2000 desacralízase a capela do edificio e a Axencia Córdoba Cultura faise cargo do espazo para a súa restauración integral para o uso público e destinado á promoción cultural.

1932 lecturas