O delegado da Xunta visita o centro comarcal de Ordes en Buenos Aires e reúnese co presidente da entidade

Alejandro López Dobarro percorreu as instalacións e mantivo un encontro coa xunta directiva da entidade.

O presidente do centro, José Luis Durán, entregoulle copia do Plan Mestre de Remodelación das instalacións e invitouno a seguir a súa evolución.

Esta visita enmárcase nun percorrido que o Delegado da Xunta ten programado facer ao longo deste ano para coñecer de preto os centros de Arxentina.

Listen to this page using ReadSpeaker
11 de febreiro de 2010.

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro visitou este mércores as instalacións do Centro Comarcal de Ordes en Buenos Aires e mantivo un encontro co seu presidente, José Luis Durán.

López Dobarro reuniuse, ao tempo, coa directiva do centro e tivo ocasión de analizar con eles a historia, a evolución e os proxectos de futuro da entidade. Neste sentido, o presidente do centro fixo entrega ao Delegado o Balance de Actividades da institución de 2008-2009, así como unha copia do Plan Mestre de Remodelación das instalacións e invitouno a seguir a súa evolución. José Luis Durán agradeceu a visita do representante do Goberno galego e destacou que “é reconfortante e da folgos para continuar no traballo que se está a desenvolver para os asociados e o barrio todo”.

Estar preto dos centros e institucións
Esta visita forma parte do percorrido que o Delegado da Xunta de Galicia ten programado facer ao longo deste ano para coñecer de preto a realidade, características e necesidades dos centros e institucións galegas de Arxentina.

Asociación Unión Partido Xudicial de Ordes
Este centro foi fundado no ano 1922 co nome Asociación Residentes do Partido Xudicial de Ordes. En 1939 fúndese coa Agrupación instructiva de Frades, con Residentes do Municipio de Trazo e o Centro do concello de Mesía. Desde ese momento reúne a emigrantes galegos de Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Cerceda, Trazo, Val do Dubra e Tordoia que residen nas inmediacións da capital arxentina.

Desde a súa creación, a asociación emprazouse no edificio da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires ata que en 1975 adquiriron un balneario no partido de Lomas de Zamora, nas aforas da cidade de Buenos Aires. Desde o ano 2001 as instalacións da asociación emprázanse nun predio de 4.000 metros cadrados. Teñen un salón con capacidade para 300 persoas, zona de mesas ao aire libre, piscina para adultos e nenos, así como diversas instalacións deportivas para a práctica de fútbol e voleibol. Conta con salas de lectura, reunións e pista de baile.

Na actualidade, cóntanse preto de 700 socios activos.

1922 lecturas