Feijóo sinala os "principios fundadores da colectividade galega", garantir o acceso á educación e á sanidade, como obxectivos da súa viaxe a Arxentina

O presidente da Xunta iniciou esta mañá a súa visita a Buenos Aires, onde residen 125.000 galegos.

O mandatario galego visitou a nova sede da delegación da Xunta en Buenos Aires, ubicada no centro galego, unha oficina “proporcional” á realidade económica da Comunidade, céntrica e “dentro da colectividade”.

Avanza que asistirá ao primeiro congreso de mozos descendentes de galegos: “pedireilles que manteñan a colectividade unida e os seus lazos con Galicia”.

Listen to this page using ReadSpeaker
6 de decembro de 2009.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe os “principios fundadores da colectividade galega”, garantir o acceso á educación e á sanidade, como obxectivos da súa viaxe a Buenos Aires. O mandatario galego, quen aterrizou hoxe na capital arxentina, onde residen 125.000 galegos, destacou que aproveitará a súa visita para asistir ao primeiro congreso de descendentes de galegos de Arxentina e Uruguai, e para visitar o hospital do centro galego, despois do inicio do seu proceso de profesionalización.

O mandatario galego salientou, na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a nova ubicación da delegación da Xunta en Buenos Aires, no centro galego da cidade, cómo unha sede “proporcional” ás capacidades económicas da Comunidade Autónoma, e “máis próxima, céntrica, dentro da colectividade”. Así, Núñez Feijóo remarcou que a nova delegación do Goberno galego cumpre con tres obxectivos fundamentais: os do Plan de austeridade aprobado pola Xunta, cun aforro de case medio millón de euros anuais; unha sede que serve mellor á colectividade galega; e destacou, ademais, a súa situación no centro da cidade, “onde se identifica a Galicia”.

Núñez Feijóo remarcou, no eido educativo, a súa presenza, hoxe, na primeira entrega de diplomas a alumnos do colexio Santiago Apóstol, un centro integramente financiado pola Xunta de Galicia. “Son os primeiros estudantes que entraron no centro, que empezaron os seus estudos no ano 1997”, lembrou o presidente galego, quen asegurou que este colexio é a mostra do valor da galeguidade “desde a formación e o coñecemento”.

“Asistirei, ademais, ao primeiro congreso da xuventude descendente de galegos”, abondou o presidente da Xunta, quen asegurou que esta xuventude “é o futuro da colectividade”. “Pedireilles que manteñan a colectividade galega unida, que conserven os lazos que teñen con Galicia”, avanzou.

Un hospital con 13 millóns de débeda
Alberto Núñez Feijóo adiantou, ademais, que aproveitará a súa visita a Buenos Aires para visitar o hospital do centro galego e aos seus profesionais, “para agradecerlles o seu labor”. Neste sentido, o presidente da Xunta explicou que a pasada semana a Fundación do hospital acordou por unanimidade a súa profesionalización ante o importante deterioro económico que estaba a sufrir. Así, Feijóo sinalou que o centro hospitalario arrastraba unha débeda de 13 millóns de dólores que comprometía gravemente a súa supervivencia.

“A Xunta comprometeuse a investir máis de 3 millóns de euros para garantir o mantemento da asistencia aos galegos que o necesiten”, asegurou o presidente galego, quen subliñou que soamente a profesionalización do centro o podía salvar da quebra. “O máis grave era que os galegos empezaban a ter dificultades para recibir esta asistencia sanitaria; e eu penso que o diñeiro de todos os galegos deber ser para iso, para garantir a asistencia sanitaria dos galegos”, remarcou.

O presidente da Xunta agradeceu o apoio dos médicos do hospital a profesionalización, e sinalou que a xestión dun centro destas características debe correr a cargo de profesionais sanitarios.

2336 lecturas