#ACulturaSegue

Xacobeo Miudiño. Seispés Producións Creativas
Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Este proxecto audiovisual destinado a público infantil (concretamente a nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade) ten como eixo vertebrador o Ano Xacobeo e o Camiño de Santiago e aspira a cubrir un baleiro, dado que non había ata o momento material audiovisual sobre estes temas destinado aos máis novos.

As tres pezas audiovisuais que conforman Xacobeo Miudiño -Descúbreo, Camíñao e Víveo- adaptan boa parte do contido existente na web oficial sobre o Camiño de Santiago a un público cuns gustos, esixencias e capacidades moi específicas. No tocante ao formato, mesturan imaxe real con animación e contan cunha voz en off que fía o relato. Cun tratamento moi ameno, os vídeos buscan ademais a participación activa da e do espectador, que poderá interactuar co contido na pantalla: premer co rato para saber máis sobre algún aspecto ou responder certas preguntas, de maneira que a experiencia do vídeo sexa en parte personalizada.

Á hora de reproducir os audiovisuais pódense habilitar subtítulos, de xeito que o material sexa accesible para persoas con discapacidade auditiva.

Malia que os tres vídeos que conforman o proxecto son independentes e comprensibles por separado, existe unha orde de visionado recomendable que seque a secuencia Descúbreo - Camíñao - Víveo.

Xacobeo Miudiño. Descúbreo
Esta primeira peza da serie Xacobeo Miudiño dá conta de como xurdiu o fenómeno das peregrinacións a Compostela e como evolucionou no tempo. Afonso II O Casto, o bispo Teodomiro… pero tamén Sir Francis Drake ou María Pita desfilan polos 1200 anos de historia que se recrean neste vídeo.

Xacobeo Miudiño. Camíñao
Na segunda entrega de Xacobeo Miudiño explícase que é o Ano Santo Compostelán, como se gaña o xubileo ou como é a cerimonia de apertura da Porta Santa. Pero non todo o episodio se desenvolve en Santiago de Compostela, senón que se nos convida a coller a mochila e saír a percorrer as dez rutas xacobeas que podemos escoller para chegar á Cidade do Apóstolo.

Xacobeo Miudiño. Víveo
Na derradeira entrega de Xacobeo Miudiño descubriremos as tradicións e as curiosidades do Camiño que nos axudarán a gozar da ruta que decidamos facer: o saúdo “Bo Camiño”, as sinalizacións como a frecha amarela ou a cuncha, a vestimenta típica… e, xa chegadas e chegados a Santiago, o Monte do Gozo, o Botafumeiro, a Berenguela, algunha que outra lenda compostelá e tamén a cultura e a gastronomía galegas.