Que documentación teño que enviar dixitalizada xunto coa solicitude?

As persoas solicitantes da bolsa deben enviar vía electrónica xunto coa solicitude a seguinte documentación (en formato PDF de xeito preferente):

  1. Pasaporte español /Documento Nacional de Identidade español (DNI).
  2. Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España. 
    Este requisito pódese xustificar con calquera da seguinte documentación expedida no seu país de residencia: certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular correspondente á demarcación na que teña o seu domicilio, certificado da policía, certificado de empadroamento, constancia de residencia actual no seu concello ou localidade, acta notarial, nómina actual, etc. 
  3. Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
    Este requisito  pódese acreditar con calquera da seguinte documentación: 
    - Certificado de inscrición de matrícula no Rexistro de Matrícula Consular (certificado que se pide no consulado de España do seu país de residencia e acredita a data desde que se está inscrito/a como residente no estranxeiro ata a actualidade).
    - Páxina do pasaporte español co selo do consulado que acredita a data desde a que se reside no exterior.
    - Contratos de traballo con prórrogas e nóminas.
    - Historia ou vida laboral (employment history).
    - Constancia de residencia nun domicilio no seu país de residencia.
    - Comprobante de pago de impostos no caso de persoas que residan no Reino Unido (council tax bill, certificate of UK fiscal residence).
  4. Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:
    a) Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.
    b) Persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do Padrón municipal do/s concello/s galego/s e documentación que acredite a data da emigración.
    c) Descendentes de persoas nacidas en Galicia: certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia (avó/avoa, pai/nai...)  ata o nacemento da persoa solicitante.
    d) Descendentes de persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do Padrón municipal do/s concello/s galego/s da persoa que emigrou e residiu en Galicia, documentación que acredite a data da emigración e certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa que emigrou e residiu en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.
  5. Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, certificado de inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou no seu defecto, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego. (Noutra pregunta frecuente explícase como obtelo).
  6. Título universitario que dea acceso ao máster ou certificado que acredite que o título está en trámite.
  7. Certificado do expediente académico de finalización de estudos universitarios ou histórico escolar:
    a) No caso de titulacións españolas: certificado do expediente académico do título universitario realizado no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.
    b) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro: certificado do expediente académico ou histórico escolar no que conste a nota mínima aprobatoria nesa titulación, o réxime ou escala de cualificacións, así como as materias cursadas na totalidade dos cursos coas cualificacións obtidas, especificando no seu caso o número de créditos de cada asignatura. 
  8. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro: Documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España (noutra pregunta frecuente explícase cómo realizala).