Deberán remitir as entidades as facturas e os xustificantes de pago das mesmas, no momento de presentar a xustificación da realización das accións subvencionadas?

Non, pero si conservar nos seus arquivos tanto as facturas como os xustificantes de pago das mesmas.

a) Non remitir as facturas

Este ano, cando presenten a documentación xustificativa en calquera dos programas incluídos nestas convocatorias, as entidades NON deberán remitir as facturas que acrediten o gasto realizado nin os xustificantes que acrediten o pago das mesmas, xa que están acollidas á xustificación simplificada. Agora ben, cando presenten a xustificación as entidades deberán anotar os datos de cada unha das facturas no Anexo IV: a data, a data de pago, o seu número, o nome completo da empresa emisora, o concepto e o importe total de dita factura.

Para que poidan ser admitidas na xustificación que presente unha entidade, as facturas que acrediten os gastos realizados deberán conter todos os datos e requisitos necesarios para a súa validez. Esas facturas válidas, así como os xustificantes que acrediten a realización dos pagos das mesmas (notas das transferencias bancarias e/ou recibos válidos), deberán ser conservados polas entidades beneficiarias nos seus arquivos durante catro anos, á disposición da Secretaría Xeral da Emigración e dos órganos de control.

b) Pagos das facturas

Así pois, é imprescindible que as entidades conserven nos seus arquivos, ademais das facturas, os orixinais dos documentos acreditativos do pago de cada factura. Os órganos que realicen as comprobacións e os controis dos expedientes non só van esixir que as actuacións subvencionadas estean realizadas e debidamente xustificadas con facturas correctas, senón que ademais estean pagadas e que se acredite este pago.

Este pago deberá acreditarse debidamente, mediante transferencia bancaria ou “mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario”, de acordo co establecido no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Con carácter excepcional, aceptarase a xustificación do pago mediante recibo do provedor para gastos por importes inferiores a 1.000 € (para a súa validez, estes recibos deberán conter polo menos os seguintes datos: data, sinatura, nome e apelidos do asinante, o seu NIF, o cargo que ocupa na empresa ou entidade á que representa). 

IMPORTANTE: Tanto as facturas como os xustificantes de pago das mesmas deberán ter data do ano 2013, e anterior ao 31 de outubro de 2013.