Como deberán presentar as entidades a documentación, nas distintas fases, por estar incluídas na “xustificación simplificada”?

De acordo co establecido nas dúas resolucións de convocatoria, o importe da subvención concedida a unha entidade galega determinada, en calquera dos programas de subvencións, en ningún caso poderá ser superior a 30.000 €. En consecuencia, segundo a normativa vixente, o réxime de xustificación aplicable en todos os programas é o de xustificación simplificada, e, en base nese réxime, indícase a continuación a documentación que deberán presentar as entidades en cada programa, tanto na fase de solicitude como na fase de xustificación:

I.- CAL É A DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POR UNHA ENTIDADE NO MOMENTO DE REALIZAR UNHA SOLICITUDE NUN PROGRAMA CONCRETO?

1º) Documentación necesaria en cada un dos programas : 1, 2, A, B (no momento de presentar as solicitudes)

a) Solicitude, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I ás resolucións de convocatoria.
b) Memoria descritiva das accións que a entidade solicitante prevexa realizar desde xaneiro ata outubro do ano 2013.
c) Orzamento/s detallado/s que recolla/n o custo previsto de realización de cada acción e de todas en conxunto para as cales solicita a subvención, desde xaneiro ata outubro do ano 2013.
Estes orzamentos deberán vir:
- asinados polos/as representantes legais da entidade (nos programas 1 e 2).
- realizados por empresas (nos programas A e B).
d) Fotocopia do NIF da entidade ou equivalente segundo o pais (CUIT, RIF, Cadastro…), sempre que non fose presentado con anterioridade.
e) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo II desta resolución.
f) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo II).
g) Aquelas entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este tivera finalizado a partir do 1 de xaneiro de 2011, deberán acompañar copia compulsada da documentación que acredite este extremo.

2º) Documentación específica, necesaria soamente no programa que se indica (ademais da indicada no punto 1 anterior)

Programa 1
a) Copia cotexada do contrato oficial de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, de non atoparse debidamente actualizado o exemplar que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.
b) Copia do xustificante de pagamento da mensualidade do aluguer do local, referida ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.
c) Copia dos xustificantes de pagamento e das facturas correspondentes aos gastos derivados do proceso de unión.

Programa A
a) No caso de restauracións, informe asinado por un/unha técnico/a competente.
b) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar: b1) certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia, e, b2)  unha declaración na que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (esta declaración inclúese no anexo I).
c) No caso de non ser propietarios, copia do contrato oficial vixente de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, ou de cesión do mesmo, a non ser que xa conste copia do mesmo na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente.

Programa B
a) Cando o importe do gasto subvencionable, incluíndo a totalidade dos investimentos previstos, supere a contía de 18.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que se van adquirir.
b) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar: b1) certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia, e, b2)  unha declaración na que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (esta declaración inclúese no anexo I).

II.- ¿CAL É A DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POR UNHA ENTIDADE NO MOMENTO DE REALIZAR A XUSTIFICACIÓN DE TER REALIZADAS ÁS ACCIÓNS SUBVENCIONADAS, NUN PROGRAMA CONCRETO?

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das accións realizadas e dos resultados obtidos, indicando o custo de cada acción.
b) Relación clasificada dos gastos e investimentos das accións realizadas, con identificación do nome completo do acreedor, do nº do documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pago (pódese utilizar o modelo que figura como Anexo IV).
c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, segundo o modelo normalizado que figura como Anexo V.
d) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas, para o mesmo proxecto para o que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, de ser o caso, unha declaración de que non ten solicitadas nin percibiu outras axudas ou subvencións (pode usarse o modelo que figura como Anexo V a esta resolución).
e) As entidades beneficiarias con sede social en España deberán acreditar que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.
Por outra parte, as entidades beneficiarias con sede social fóra de España deberán remitir unha declaración responsable do cumprimento desas obrigas (e para elo poden usar o modelo que figura como Anexo V nas resolucións).
f) No seu caso, carta de pago de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como de intereses derivados destes.

III. MOSTRAXE (comprobación “a posteriori” pola Secretaría Xeral da Emigración dos xustificantes)

A Secretaría Xeral da Emigración a través das técnicas de mostraxe que se determinen polo secretario xeral da Emigración e de acordo cos requisitos que para estes efectos determine a Consellería de Facenda, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención. Para este fin, aos beneficiarios que sexan elixidos poderáselles requirir a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.