En que consiste a “Reformulación das solicitudes”?

Igual que en anos anteriores, nestas dúas convocatorias de subvencións para o exercicio 2013 dirixidas ás entidades galegas no exterior inclúese a posibilidade de que a Secretaría Xeral da Emigración inste ás entidades para que reformulen as súas solicitudes, á vista das propostas de resolución provisionais. Aínda que cando chegue ese momento da reformulación se lles pasará información ao respecto a todas as entidades, a continuación infórmaselles brevemente da reformulación:

Para presentar a reformulación as entidades deberán cubrir na súa totalidade o Anexo III, xunto cunha memoria explicativa.

a) De acordo co establecido no art. 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

b) En que consiste a reformulación?  A reformulación significa que,  no caso de que a proposta provisional de subvención da Secretaría Xeral da Emigración non sexa o importe solicitado nese programa pola entidade, senón un importe inferior, a entidade poderá presentar unha segunda solicitude (a reformulación), que modifique a primeira presentada, reducindo o custo das accións a realizar e polo tanto o importe do gasto total. Nesta reformulación deben especificarse os novos importes reducidos das actuacións concretas que se levarían a cabo.

c) Documentación que debe constar na reformulación.

-Modelo de solicitude do programa correspondente, debidamente asinado e cuberto nas súas dúas follas, que modifique a solicitude inicialmente presentada (Anexo III).
- Breve memoria e presuposto, asinado polos/as representantes legais da entidade, na que se describan con claridade as accións que se levarán a cabo (as incluídas na solicitude inicial), e o custo total e o de cada unha delas.

d) Cal debe ser o contido da solicitude reformulada? A solicitude reformulada presentada por unha entidade deberá obter a conformidade do órgano de valoración. E, para que iso ocorra, a reformulación presentada deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención e da solicitude inicial. É dicir, esta segunda solicitude, aínda que pode reducir os importes monetarios  para adecuarse á proposta de subvención,  deberá manter as mesmas condicións da solicitude inicial en canto ás finalidades a realizar (as finalidades deben ser as mesmas que estean incluídas na solicitude inicial) e en canto as fontes de financiamento (deberán manterse integramente as previstas na primeira solicitude).

e) Como se efectúa a comunicación ás entidades? A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións, computándose desde entonces o prazo de dez días.

Así mesmo, con esa mesma data e nun só intento, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación e dos importes propostos en cada un dos programas nos que se presentase solicitude.

f) Prazo.  As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, que se computará desde a data de publicación destas comunicacións na devandita páxina web, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes para o seu análise.  No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.