Campaña informativa para residentes galeg@s no Reino Unido en relación co Brexit: Settled ou Pre-Settled Status
Desde a Xunta de Galicia queremos lembrar aos galegos e galegas residentes no Reino Unido que deben solicitar o status de asentado/a ou pre-asentado/a (settled ou pre-settled status) con anterioridade ao 30 de xuño de 2021.
A realización da devandita solicitude é obrigatoria para evitar que se lles considere ilegais nun país no que residiron, en moitos casos durante décadas. Entre as cidadás e os cidadáns españois residentes no Reino Unido existen colectivos especialmente vulnerables que descoñecen a importancia de efectuar a devandita solicitude do status de asentado/a ou pre-asentado/a (persoas de avanzada idade, nenos e nenas en situación de acollida, persoas con algún tipo de discapacidade ou persoas con dificultades de comprensión do idioma).
É por iso que, con esta campaña, pedímosvos a vosa colaboración para que fagades chegar esta información a aquelas persoas da vosa contorna que, por atoparse nas situacións descritas anteriormente, poidan desatender o trámite indicado.
Desta maneira, tentaremos reducir o risco de deportacións ou problemas legais nun país no que os nosos dereitos van cambiar a partir do 1 de xaneiro de 2021.
Coñeces a alguén de idade avanzada? Comproba que se rexistrou no Settled Status Scheme antes do 30 de xuño de 2021.
Coñeces a alguén en situación de vulnerabilidade? Comproba que se rexistrou no Settled Status Scheme antes do 30 de xuño de 2021.
- MÁIS INFO: brexitgalicia.eu