Emigración participa en Lalín na entrega dos premios Alecrín 2021

O acto deste ano ten como obxectivo promocionar a capital do Deza e a súa famosa gastronomía entre as directivas dos centros galegos asentados en Cataluña.

Entre os premiados e premiadas atópanse Antonio Díaz, do xornal Crónicas da Emigración, e Pablo Rodríguez, fotógrafo e organizador de exposicións, pola súa labor a prol da emigración.

  • Imaxe do acto de entrega dos premios 'Alecrín 2021' celebrado este mediodía en Lalín
    Imaxe do acto de entrega dos premios "Alecrín 2021" celebrado este mediodía en Lalín
  • Imaxe do acto de entrega dos premios 'Alecrín 2021'
    Imaxe do acto de entrega dos premios "Alecrín 2021"
Listen to this page using ReadSpeaker
Lalín (Pontevedra), 10 de agosto de 2021.

O subdirector da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Casas, participou hoxe no acto de entrega dos premios Alecrín 2021, que organiza a Federación de entidades culturais galegas de Catalunya (Fegalcat) e que se desenvolveu no Auditorio municipal de Lalín.

No acto estiveron presentes o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, así como o propio alcalde de Lalín, José Crespo.

O representante da Secretaría Xeral da Emigración fixo entrega do premio Alecrín no eido de escritor local a Xoán Carlos García Porral.

Tamén recibiron esta homenaxe o xornalista Antonio Díaz, do xornal Crónicas da Emigración; a Central Heladera, pola defensa do selo de Galicia Calidade; a artista Pili Pampín polos seus máis de 30 anos de traxectoria profesional; a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo; o blogueiro Alberto Rivas; o avogado berciano Luis Cuervo; o grupo Carballo da Manteiga de Lalín; o pintor Manuel Quintana;  o libreiro Pablo Rodríguez; o piloto de trial Jordi Tarrés; e o xornalista Siro López. 

Durante o evento tamén se lle fixo entrega a Manoel Carrete do seu nomeamento como secretario de honra da Fegalcat. 

O evento permitiu non só destacar a todas e todos os premiados polo seu labor en prol da emigración, do galego e da galeguidade, senón tamén reunir ás e aos directivos dos diferentes centros galegos en Cataluña e promocionar a cultura e a gastronomía do Deza entre a comunidade galega que reside nesa comunidade autónoma.

1009 lecturas