Alejandro López Dobarro reúnese co xefe do goberno de Puerto de San Julián, en Arxentina, para analizar vías de cooperación

O Delegado da Xunta en Bos Aires desprazouse este fin de semana á Patagonia para tomar contacto coa colonia galega residente na zona.

Listen to this page using ReadSpeaker
6 de novembro de 2009.

O Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, acaba de reunirse co intendente de Puerto de San Julián (provincia de Santa Cruz), Nelson Daniel Gleadell, con quen analizou vías de cooperación en materia de enerxías renovables e no sector do mexillón.

López Dobarro desprazouse este fin de semana a esta rexión da Patagonia arxentina para tomar contacto cos galegos residentes na zona e coñecer de primeira man as súas institucións, actividades e necesidades particulares. Na súa viaxe, López Dobarro estivo acompañado polo vicecónsul honorario de España en Rio Galegos , Luciano Domínguez Lameiro.

O Delegado da Xunta visitou as instalacións do Centro Galego de Río Gallegos e Casa España da mesma localidade e mantivo alí un encontro co presidente do Centro, José Corbacho. Tamén reniuse con membros da colectividade quen lle trasladaron as peculiaridades da vida nunha zona tan particular, as súas inquietudes e necesidades nas relacións coas administracións españolas na Arxentina.

Na localidade do Porto de San Julián, Alejandro López Dobarro entrevistouse coa Presidenta da Asociación Española de Socorros Mutuos, Josefa Silva Castro, entidade organizadora da «Gran Paella» que convocou o sábado á noite á colectividade galega e española da zona.

Ademais, o Delegado do Executivo autonómico participou o domingo nun almorzo de traballo cos presidentes do Centro Galego de Comodoro Rivadavia, José Agrelo Sampedro, e do Centro Galego de Río Gallegos, José Corbacho no que tivo ocasión de coñecer de primeira man a situación destas entidades da Patagonia arxentina e as cuestións relativas aos seus asociados.

O Puerto de San Julián
Trátase dunha localidade situada na bahía de San Julián, na provincia de Santa Cruz, que conta con preto de 7.000 habitantes. Entre os seus principais atractivos turísticos figura unha réplica a tamaño real da nave de Hernando de Magallanes, o navegante portugués que o 1 de abril de 1520 oficiou neste punto a primeira misa do territorio.

La Asociación Española de Socorros Mutuos Puerto de San Julián, na que se integra a «Mesa Galega», foi creada en 1925. Desde entón, está desenvolvendo un traballo constante para difundir e manter viva a cultura de todos os españois. É o primeiro centro colaborador da zona centro da provincia de Santa Cruz, atendendo as demandas e as iniciativas dos cidadáns das localidades de Porto de San Julián, Gobernador Georges, Comandante L. Piedrabuena, Porto de Santa Cruz e Tres Lagos.

A actual comisión directiva mantén, entre os seus principais obxectivos, recuperar e poñer en valor as instalacións do centro, incrementar o padrón de asociados; prestar axuda aos cidadáns españois e os seus descendentes na tramitación de documentación e ou beneficios a través da Consellería Laboral do Consulado español, así como contribuír á difusión das tradicións e cultura das comunidades autónomas españolas nesta zona do país austral e valorar a historia das emigrantes chegados, como legado a súas descendentes.

Centro Galego de Comodoro Rivadavia
O Centro Galego de Comodoro Rivadavia foi fundado o 22 de xullo de 1923 por un grupo de galegos, encabezados por Francisco Lastres, para recordar a terra e manter as costumes e a cultura propias. Entre os obxectivos que persiguen están o de difundir o coñecemento de Galicia, honrar aos galegos que si teñan distinguido de maneira especial, axudar aos galegos recén chegados para darlles amparo e orientación, e promover o benestar da colectividade toda.

A punto de cumprir 87 anos, esta institución mantense vixente e conserva a tradición dos primeiros pobladores galegos da Patagonia arxentina. Mantén unha intensa actividade social, cultural e artística.

2111 lecturas