Empresas adheridas

ALDABA, Servicios Profesionales S.L.
Actividades informáticas, portais web e procesamento de datos
Copérnico 5, 2º - Parque Empresarial A Grela
15008 - A Coruña
A Coruña
981902060
981902005

Somos unha Consultoría TIC e, desde a nosa fundación en 2003, dedicámonos ao deseño, desenvolvemento e implantación de solucións do mundo da informática e as comunicacións, conforme ás necesidades expostas por cada cliente, para a optimización dos seus procesos de negocio.

Combinamos experiencia e coñecementos especializados en múltiples contornas e tecnoloxías, con flexibilidade e vocación pola mellora continua. Como resultado, axudamos aos nosos clientes para mellorar o seu rendemento e a crear valor, desde a planificación estratéxica en materia TIC ata as operacións do día a día. 

Os nosos principais clientes concéntranse no noroeste peninsular. Por iso, temos oficinas físicas nas mellores localizacións da Coruña (Parque Empresarial de A Grela) e Ourense (cruce das rúas Concordia e Santo Domingo). Ademais, a nosa carteira de clientes é ampla e diversificada, e inclúe ás compañías líderes en sectores como as telecomunicacións, finanzas, alimentación, distribución, industria, etc. 

Contamos con máis de 120 profesionais, dos que o 70% teñen unha titulación universitaria (principalmente Enxeñería Informática) e o 30% restante provén de Ciclos Superiores de Formación Profesional. 

Outra peza fundamental da nosa oferta de servizos constitúena os nosos  partners: grandes provedores de tecnoloxía (como Microsoft,  HP ou  Fortinet), universidades, centros tecnolóxicos, … Todos eles facilítannos o estar ao día e adquirir unha formación de calidade nas últimas tecnoloxías e versións de produtos que saen ao mercado.

As nosas boas prácticas e resultados empresariais fan que nos concedan cada ano galardóns e recoñecementos, como o Premio Confianza da Universidade da Coruña, os indicadores ARDÁN de Empresa Ben Xestionada, Empresa de Alto Rendemento, Empresa Xeradora de Riqueza e Empresa Innovadora, ou a inclusión na “Clasificación ARDÁN de Empresas Intelixentes de Galicia.

Que ofrecemos?

Ademais de multitude de ambiciosos proxectos en clientes líderes nos seus respectivos sectores, en  ALDABA ofrecemos un plan de formación personalizado e remamos para que cada persoa poida desenvolverse, tanto profesional, como persoalmente.

Cada persoa que se incorpora en  ALDABA inicia a súa traxectoria da man dun mentor, que o orientará, tanto en cuestións prácticas, como nas posibilidades de desenvolvemento profesional dentro da casa. Ademais, a súa progresión individualizarase en función das súas expectativas, ritmos e habilidades. 

Consideramos a formación como parte fundamental deste desenvolvemento profesional, e entendémola en sentido amplo. Por unha banda, está a que se recibe directamente no marco do proxecto, da man de superiores e compañeiros. Por outra, a formación proposta pola empresa, que pode ser a través de plataformas en liña ou mediante a contratación de empresas  formadoras externas. E, por último, a que propoñen os propios profesionais de  ALDABA, e que a compañía promociona.

Todo iso sendo conscientes de que a nosa actividade empresarial non é allea á realidade social, senón que, ao contrario, exerce unha influencia sobre a mesma. A Responsabilidade Social Corporativa, ou  RSC, intégrase na nosa cultura a través da conciencia activa, por parte dos nosos directivos, de que debemos coidar e mellorar a parcela da sociedade na que operamos (os nosos empregados, provedores, clientes, etc.). 

Por iso, as nosas políticas de recursos humanos baséanse en fomentar a calidade de vida laboral a través de pautas de flexibilidade horaria, posibilidade de teletraballo, xornada intensiva de verán, escoita activa da problemática individual e negociación de solucións, etc. Tamén se enfoca cara á promoción de hábitos saudables a través dunha correcta ergonomía do posto de traballo, a subvención da participación en eventos deportivos, froita de tempada na oficina ao dispor do empregado…

Nun enfoque máis externo da nosa  RSC, colaboramos con distintas ONG’ s e formalizamos unha Cátedra coas Universidades da Coruña e Vigo, Cátedra  ALDABA- wib ( Women,  ICT & Business), cuxo principal obxectivo é fomentar a presenza da muller no desenvolvemento das TIC, dando visibilidade ás referentes femininas e impulsando iniciativas que animen a nenas e mozas a escoller carreiras relacionadas co ámbito das Novas Tecnoloxías."

Os nosos servizos

Contamos con 3 áreas de negocio, complementarias e integradas, para ofrecer aos nosos clientes un servizo diferenciado: Consultoría TIC, Enxeñería Software e Enxeñería de Sistemas.

  • En Consultoría TIC axudamos aos nosos clientes para deseñar e alcanzar os seus obxectivos de transformación tecnolóxica, combinando un profundo coñecemento de metodoloxías e estándares coa comprensión de como impactará a tecnoloxía nos procesos de negocio. A nosa experiencia e coñecemento abarca un amplo catálogo de servizos: xestión de procesos con ferramentas BPM; análise e xestión de riscos; implantación de boas prácticas para a xestión e operación de servizos TIC ( ITIL); dixitalización de procesos,  paperless; consultoría e adecuación permanente ao  RGPD; etc.
  • En Enxeñería Software desenvolvemos solucións software de calidade, utilizando tecnoloxías consolidadas e emerxentes. A unidade de Enxeñería Software integra tres  subáreas: Desenvolvemento a medida – especializada no desenvolvemento de aplicacións web, de escritorio e móbil –, Business  Intelligence – especializada na enxeñería de datos, modelos analíticos e  big data – e  SAP – onde desenvolvemos pezas que integran este ERP con múltiples sistemas de información –. E todo iso sobre un substrato de metodoloxía áxil (scrum), cunha comisión interna que vela pola súa correcta implementación.
  • Por último, na área de Enxeñería de Sistemas deseñamos, implantamos e administramos as infraestruturas TIC (servidores, redes, sistemas de almacenamento, firewalls, …) que dan soporte aos sistemas de información, con tecnoloxías punteiras de virtualización, monitoraxe e  backup, situadas en  datacenters físicos ou na nube, e aplicando técnicas e medidas estritas de  ciberseguridade.

Outra información de interese

Páxina web Cátedra ALDABA-WIB: wib.aldaba.es