Rosalía de Castro, "Sombras sen sombra"

Pestanas principais

A diáspora celebra os 150 anos de "Cantares Gallegos" o día da publicación do primeiro poema en galego de Rosalía de Castro: "Adios ríos, adios fontes"

Se ben no 2013 celebramos o 150º aniversario de Cantares Gallegos, obra cumio do Rexurdimento cultural de Galicia, a primeira publicación dunha obra escrita en galego por Rosalía de Castro tivo lugar dous anos antes: o coñecido poema "Adios ríos; adios fontes" -logo incluído en Cantares Gallegos- viu a luz en El Museo Universal, revista madrileña de gran difusión na época, o 24 de novembro de 1861.

Unha muller (e ademais moi nova, xa que Rosalía contaba só con apenas 24 anos) empregaba a lingua galega para dignificala, desvirtuaba aqueles tópicos alusivos ao pobo galego emigrante, e manifestaba o seu orgullo cara ás e aos que formaban parte do fenómeno da emigración galega. A repercusión foi inmediata.

Por iso, co gallo da data desta publicación, a Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convidámosvos a unha iniciativa na que queremos que os galegos e as galegas residentes no exterior sexades actores e actrices protagonistas: celebrar unha homenaxe a Rosalía de xeito simultáneo en Galicia, e en todos aqueles países ou comunidades autónomas de España onde existe unha representativa colonia galega, visionando o documental Rosalía de Castro, Sombras sen sombra o domingo, 24 de novembro ás 17,00 h. (hora galega).

Os centros galegos do exterior, convocando aos seus socios e socias, poderán visionar o documental que se lles fará chegar previamente, e todos aqueles e aquelas que non poidan acudir a unha entidade galega poderán visionalo a través da emisión en directo do portal web da TVG para América e Europa.

Ficha técnica:

  • "Rosalía de Castro, Sombras sen sombra", Serie Memoria e Historia
  • Taller de Ediciones de J.A. Durán
  • Documental biográfico da serie Memoria e Historia, 55 min., narrado a 4 voces.
  • Guión e dirección de José Antonio Durán.
  • Realización de Jorge Durán.

Aquí podedes acceder a un pequeno avance do documental que se emitirá o domingo 24 de novembro.

Ti tamén participas!!!

Nesta actividade, que pretende ter unha difusión mundial, propoñévosvos a gravación de imaxes ou a toma de fotografías do evento, que sirvan para ilustrar a reportaxe gráfica que queremos realizar, e de cuxa edición resultará un programa especial que será difundido posteriormente pola Televisión de Galicia, que o vindeiro día 24 informará da devandita actividade nos seus informativos do mediodía e da noite, así como permitirá seguir en directo o seu desenvolvemento a través da súa páxina web.

Ademais, tamén podedes participar en directo cos vosos comentarios a través das redes sociais da Galeguidade en Facebook e Twitter.

 

Convocatoria aos centros

Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, organizadora do evento en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, remitiu nas pasadas datas unha carta a todas as entidades galegas do exterior invitándoos a compartir esta homenaxe á máis universal das escritoras galegas.

1938 lecturas