Antonio Fernández nace o 12 de febreiro de 1882 en Goián - Tomiño (Pontevedra). Morre o 20 de xaneiro de 1970. Emigrou a Brasil aos doce anos e recibiu clases de debuxo e pintura. Na Exposición de Belas Artes de Río de Xaneiro obtén a segunda medalla. En 1929 regresa definitivamente a Goián e continúa expoñendo en Brasil e España. Ademais das coleccións de Brasil e España, foi representado en case todos os museos de Galicia e o Museo de Lugo dedicoulle a Sala "Antonio Fernández'. A extraordinaria sensibilidade de Antonio Fernández Gómez vese reflectida na súa pintura, sinxela e chea de luz. Con asociacións de verdes, azuis e ocres retrata espléndidas paisaxes e montañas e animais como no seu óleo Atardecer na montaña. Das exposicións celebradas entre 1922 e 1936 son os seus lenzos Voltas ao aprisco, Venres Santo, As fiandeiras, Rebaño, Paisaxe con ovellas e outros máis de tema pastoril. Nos últimos anos céntrase en paisaxes mariñas. A obra do Centro Espanhol de Santos é unha escena costumista que representa unha festa na praza dun pobo. O centro da composición vén marcado polo home e a muller danzantes, que centran a atención do/a espectador/a. A luz do sol é tenue e crea xogos de luces e sombras nas figuras. A técnica empregada é o óleo.