- Descargar]" href="https://emigracion.xunta.gal/files/nova/2017/02/33860-dsc-0032.jpg" title="De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión de esta mañá en Santiago de Compostela" >De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión de esta mañá en Santiago de Compostela
- Descargar]" href="https://emigracion.xunta.gal/files/nova/2017/02/33860-dsc-0015_0.jpg" title="De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela" >De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
- Descargar]" href="https://emigracion.xunta.gal/files/nova/2017/02/33860-dsc-0024.jpg" title="De esquerda a dereita: Alejandro, González e Miranda, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela" >De esquerda a dereita: Alejandro, González e Miranda, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Enmarcada na permanente e especial atención do seu departamento á situación que atravesa a colectividade galega en Venezuela, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe venres día 17 en audiencia ao presidente e ao secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Roberto González e José Antonio Alejandro, respectivamente.
Miranda e os dous directivos da Hermandad repasaron a actualidade do país e o funcionamento dos diversos programas e liñas de actuación que a Xunta desenvolve naquel país coa activa colaboración das comunidades galegas, e estudaron as posibles vías para intensificar e optimizar esa colaboración, especialmente nos casos de situacións máis delicadas detectadas polas propias colectividades: “As comunidades galegas son os nosos ollos e mans sobre o terreo, sen o seu concurso a nosa axuda non podería chegar aos seus destinatarios naturais, na maioría dos casos”, afirma Miranda.
O Goberno galego segue con especial atención os acontecementos en Venezuela, e está en permanente contacto coas comunidades galegas asentadas no país, de entre as que a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas é a máis numerosa.
Diversas liñas
O investimento que a Xunta realiza para axudar aos galegos e galegas de Venezuela desenvólvese en diversos eixos. Por unha banda, a través das achegas directas individualizadas, que no ano 2016 axudaron a 195 familias; os convenios sociais e asistenciais con entidades que actúan alí, e acollida en institucións de coidado a persoas galegas: aténdese directamente en territorio venezolano a máis dun millar de galegos e galegas, en colaboración con diferentes institucións; a través das axudas ao retorno emprendedor, que axudaron á creación de medio cento de empresas por parte de empresarias e empresarios e autónomos que volveron á terra, entre quen as e os procedentes de Venezuela son o grupo máis numeroso; así como os programas específicos para a mocidade e maiores na diáspora, entre cuxas beneficiarias e beneficiarios son número destacable os residentes en Venezuela. O orzamento destinado para Venezuela a estas liñas en 2016 ascendeu a máis de 600.000 euros, e prevese a posibilidade de reforzar esa partida orzamentaria se for necesario.
Todas estas actuacións da Administración autonómica non serían posibles sen o esforzo diario de directivas, traballadoras e traballadores e voluntarias e voluntarios das comunidades galegas presentes no país. Segundo consta no Rexistro da Galeguidade a data de hoxe, existen arestora en Venezuela entidades con sede en Caracas, Maracaibo, Valencia e Puerto La Cruz.
A Hermandad Gallega
A Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas conta con máis de 25.000 familias galegas asociadas, e configúrase coma unha das entidades cívicas e sociais máis importante da República de Venezuela. Posúe dúas sedes, a principal en pleno centro da capital venezolana, que acolle o Centro de Día ‘Santiago Apóstol’ no que se atende a maiores case todos e todas de procedencia galega, o Colexio ‘Castelao’ de ensino primario e secundario, instalacións sanitarias con consulta diaria, servizos de urxencia e farmacia, e tamén unha oficina de atención socio sanitaria en colaboración coa Xunta.
Ademais, conta cunha importante biblioteca con máis de 5.000 volumes, e fomenta actividades musicais (dous grupos de gaita e tres de baile, máis unha coral), culturais, lúdicas e deportivas (equipos de fútbol en quince categorías, ademais de conxuntos de fútbol sala, baloncesto, voleibol, e natación) relacionadas con Galicia e a súa diáspora.
A ‘Hermandad’ naceu en 1960 froito da fusión do Lar Galego, da Casa de Galicia e do Centro Galego, e nos seus 57 anos de existencia foi medrando tanto na súa cantidade de socias e socios (desde os 800 iniciais) coma na carteira de servizos prestada á colectividade, ata converterse arestora no referente fundamental da vida social e cultural de Caracas.
Máis de 46.000 galegas e galegos
Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, dos cales 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.