Glosario comezando con C

Faga clic nunha das letras de arriba para ir á páxina de todos os termos que comezan con esa letra.
Cadro de persoal

Relación ordeada por categorías das dependencias e empregados dunha oficina, dun servizo público ou privado, etc.

Calendario laboral

Programa temporal que comprende o horario de traballo e a distribución dos días de traballo, festivos, descansos semanais ou entre xornadas e outros días inhábiles, tendo en conta a xornada máxima legal, o de ser o caso, a pactada. É obrigatorio expoñelo en lugar visible en cada centro de traballo.

Capacidade económica

Criterio sobre o que xira o concepto de xustiza tributaria. Defínese como o grao de riqueza ou volume de patrimonio que ostenta o suxeito pasivo.

Cargar

Anotar unha cantidade no debe dunha conta bancaria.

Categoría profesional

Clasificación profesional que permite identificar o contido da prestación laboral (funcións e retribucións).

Causahabente

Persoa que sucedeu ou se subrogou por calquera título no dereito de outra ou outras.

CC.AA.

Siglas de Comunidades Autónomas.

CC.LL.

Siglas de Corporacións Locais.

Celebrar

Realizar un acto, unha festa, unha reunión para conmemorar algo. Polo tanto, debe considerarse abusivo o seu emprego en contextos como "celebrar unha reunión", "celebrar un contrato...", onde se substituirá por "ter lugar", "realizar"...

Certificación

Documento expedido pola Administración mediante o cal se acredita o cumprimento de determinadas condicións impostas nunha determinada regulación e cuxa obtención se impón como carga ao particular.

Cesamento

1. Acción e efecto de cesar nun emprego ou cargo. 2. Nota ou documento no que se consigna o cesamento dun emprego ou cargo.

Cesar

Deixar de desempeñar algún emprego ou cargo (é sempre un verbo intransitivo).

Ciclo universitario

Cada un dos bloques de cursos en que se divide un plano de estudos.

Colectividade

Conxunto de persoas reunidas ou concertadas para un fin.

Comarca

División de territorio que comprende varios municipios dentro dunha mesma comunidade autónoma.

Comisión de goberno municipal

Conxunto de membros da Corporación Municipal integrada polo Alcalde, que a preside, e os concelleiros nomeados libremente por el, como membros da mesma.

Comunidades galegas

Entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio onde se atopan asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa lingua e cultura. (Lei 4/1983, do 15 de xuño, de Recoñecemento da Galeguidade).

Concelleiro

Membro dunha corporación municipal.

Concello

Corporación composta dun alcalde e varios concelleiros para a administración dos intereses dun municipio.

Concorrer

Tomar parte nun concurso.

Conselleiro

Titular dun departamento do goberno dunha comunidade autónoma.

Contrato de seguro

Pacto entre o asegurador e tomador do seguro, mediante o cal, a través da contratación da correspondente póliza e pagamento da correspondente prima, o que sofre algún risco (tanto sobre a persoa do asegurado como dos seus bens ou responsabilidades contraídas na súa vida privada ou pública) é compensado das consecuencias económicas do mesmo.

Contrato de traballo de interinidade

Negocio xurídico laboral que ten como obxectivo substituír a un traballador con dereito a reserva de posto de traballo en virtude de norma, convenio colectivo ou acordo individual, ou ben cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a súa cobertura definitiva.

Contribucións especiais

Tributos cuxo feito impoñible consiste na obtención polo suxeito pasivo dun beneficio ou dun aumento de valor dos seus bens, como consecuencia da realización de obras públicas ou do establecemento ou ampliación de servizos públicos. Ten especial importancia no ámbito de tributos locais.

Convocar

Citar, chamar a unha ou máis persoas para que concorran a lugar ou acto determinado. Débese entender abusivo o emprego deste termo en contextos como "convocar oposicións", "convocar axudas", etc.

Convocatoria

Chamamentos a exames que realiza a Administración durante o curso dunha Oferta de Emprego.

Coordinación

Proceso de integración de accións administrativas dunha ou varias institucións, órganos ou persoas que ten como finalidade obter das distintas áreas de traballo a unidade de acción necesaria para contribuír ao mellor logro dos obxectivos.

Corporación municipal

Goberno local composto dun alcalde e varios concelleiros para a administración dos intereses dun municipio.

Corrixir

Emendar o errado.

Cota

Cantidade que se paga regularmente a asociacións, comunidades, seguridade social, etc.

Cota tributaria

Cantidade de diñeiro que corresponde pagar a un suxeito pasivo como consecuencia da aplicación dun tributo. Admite dúas modalidades: a cota íntegra, que é a cantidade obtida despois de aplicarlle á base impoñible o tipo de gravame, e a cota líquida, que é o resultado de aplicar sobre a cota íntegra, as deducións previstas na lei.

Cotización á Seguridade Social

Acto xurídico en virtude do cal se contribúe ao sostemento do sistema da Seguridade Social a través das achegas que, tomando como base o salario do traballador, realizan tanto este como o empresario co obxecto de que o empregado teña dereito ás prestacións recoñecidas.

Creba

Xuízo polo que se incapacita patrimonialmente a alguén pola súa situación de insolvencia e procédese a executar todos os seus bens en favor da totalidade dos seus acredores.

Cualificar

Apreciar ou determinar as calidades ou circunstancias de alguén ou de algo.

Custas

Gastos relacionados cun proceso.

Cónxuxe

Marido respecto da muller, e muller respecto do marido.