O primeiro mosteiro cisterciense da península

Sobrado dos Monxes fundouse con esta orde relixiosa en febreiro de 1142.
O primeiro mosteiro cisterciense da península

O primeiro mosteiro cisterciense da península fundouse en Galicia en Santa María de Sobrado dos Monxes (A Coruña) en 1142. Uns anos máis tarde encontramos a Regra tamén en Oseira, pero non antes, contra a crenza tradicional de que foi este cenobio a primeira do Císter de Galicia. A abadía de Sobrado xa existía dende mediados do século X pero non había nela vida monástica no momento da súa doazón ao Císter. Carlos Valle Pérez, especialista na reforma relixiosa que xurdiu a finais do século XI na abadía beneditina de Cîteaux, afirma que "esta era a orde de referencia no occidente europeo neses momentos, polo que os Condes de Traba, propietarios do mosteiro de Sobrado, llelo entregan a estes relixiosos para fundar alí a súa primeira comunidade da Península Ibérica, feito que se produce o 14 de febreiro de 1142. Este é un dos contados mosteiros peninsulares dos que posuímos carta de fundación. O Mosteiro de Oseira afiliaríase ao Císter entre os anos 1148 e 1151".

Os primeiros monxes chegados a Sobrado (unha ducia) procedían de Clairvaux e foran enviados por San Bernardo. No 2004 son uns vinte e cinco os que integran a comunidade, cunha idade media duns 47 anos.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1247 lecturas