A Xunta achega outros 115.000 euros para a atención social e asistencial ás persoas emigrantes galegas e ás e aos seus descendentes en Uruguai

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinaron hoxe en Montevideo tres convenios con cadansúa comunidade do ámbito da Galeguidade. 

Os mandatarios autonómicos encomiaron o traballo que realizan estas entidades dende a súa creación, e que as converten en institucións emblemáticas e “buque insignia dos emigrantes galegos en Uruguai, no que valores como a solidariedade, a hospitalidade e a confraternidade están ao servizo das persoas que máis o precisan”.

Arestora residen en Uruguai máis de 40.000 galegos e galegas, dos que case o 80 por cento naceron xa na diáspora. 

  • De esquerda a dereita: o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Andrés González Murga; o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro; Rey Varela; Roberto Varela; o presidente da Casa de Galicia, Manuel Ramos; Rodríguez Miranda; e a traballadora da Xunta na delegación en Uruguai, Adriana Fernández
    De esquerda a dereita: o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Andrés González Murga; o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro; Rey Varela; Roberto Varela; o presidente da Casa de Galicia, Manuel Ramos; Rodríguez Miranda; e a traballadora da Xunta na delegación en Uruguai, Adriana Fernández
  • De esquerda a dereita: Rodríguez Miranda; Rey Varela; o embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela; e mailo presidente do Consello Directivo da ‘Española’, Gerardo García Rial
    De esquerda a dereita: Rodríguez Miranda; Rey Varela; o embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela; e mailo presidente do Consello Directivo da ‘Española’, Gerardo García Rial
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo, 1 de xullo de 2016.

A Consellería de Política Social e maila Secretaría Xeral da Emigración sufragarán con unha achega de 115.000 euros a asistencia social e sanitaria a cidadás e cidadáns galegos no “Hogar Español de Ancianos”, “Asociación Española Primera de Socorros Mútuos”, e “Casa de Galicia”, de Montevideo, mediante respectivos convenios de colaboración que hoxe foron asinados entre os representantes da Administración autonómica e mailos das citadas comunidades galegas.

Segundo recollen os acordos, en Uruguai “reside unha amplísima colectividade de galegos e dos seus descendentes” que nalgúns casos, no sector de poboación de maior idade, carecen dos mecanismos integrais de cobertura social e asistencial axeitados. Co obxectivo de atender a este colectivo, as destinatarias e destinatarios destes convenios son as persoas de orixe galega e os seus descendentes ata o segundo grao que residan en Montevideo e que por razóns de idade ou circunstancias socio familiares precisen da axudas destas institucións.

Segundo datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro, do Instituto Nacional de Estatística, a 1 de xaneiro de 2016 residían na República Oriental do Uruguai un total de 40.660 galegas e galegos, dos que 32.203 (un 79’20 %, é dicir, catro de cada cinco) naceron xa no estranxeiro.

Compromiso social
O titular de Política Social encomiou o traballo no ámbito social e asistencial que levan a cabo, e que as converten en “buque insignia dos emigrantes galegos en Uruguai, no que valores como a solidariedade, a hospitalidade e a confraternidade están ao servizo das persoas que máis o precisan”. Ademais, Rey Varela enmarcou a firma destes convenios na necesidade de reforzar o compromiso do executivo autonómico coas e cos emigrantes, como mostra de agradecemento e para compensar, na medida do posible, “o papel imprescindible que este colectivo xogou na construción e progreso de Galicia”.

O conselleiro tamén sinalou que estas entidades son “unha referencia para a Galicia na diáspora e punto de encontro para todos aqueles galegos residentes no exterior así como para os seus descendentes”.

Pola súa banda, Rodríguez Miranda salientou a importancia social, cultural, educativa, económica, empresarial e histórica da colectividade galega en Uruguai, “a máis relevante tanto en cantidade como en importancia pola súa pegada no país”. Púxoa asemade como exemplo de “unidade de acción e Galeguidade ben entendida, mantendo as raíces e transmitindo ese sentimento ás segundas xeracións, pero ao mesmo tempo contribuíndo de maneira decidida e eficaz ao desenvolvemento da terra de recepción”.

Acordo co ‘Hogar’
En virtude do convenio asinado entre a Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (dependente da Consellería de Política Social), a Secretaría Xeral da Emigración, e o “Hogar Español de Ancianos” de Montevideo, dotado con 60.000 euros, esta última entidade comprométese a proporcionar prestacións de atención residencial ás e aos cidadáns galegos ingresados nesta residencia, realizar actuacións en prevención sanitaria e proporcionarlles medicamentos e outro material de xeriatría en caso de necesidade.

Segundo recolle o texto asinado, “este fogar de maiores, tralo seu cambio de emprazamento e varias ampliacións que experimentou dende a súa posta en marcha, dispón na actualidade de capacidade para 216 residentes en habitacións de dúas persoas, catro baños xeriátricos, piscina para hidroterapia e outras melloras. A institución ten como meta fundamental manter e aumentar a calidade de vida e autonomía dos residentes a través dun programa de intervención integral dirixido á promoción, prevención, asistencia e rehabilitación”.

Dende o ano 2005, conta ademais cun Centro de Día que, entre outros servizos, ofrece aos seus usuarios e usuarias transporte, alimentación e nutrición, saúde, actividades culturais recreativas e sociais, perruquería, e podoloxía.

Acordo coa ‘Española’
Un convenio con obxecto similar foi asinado entre Emigración e a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, cun investimento nesta ocasión de 20.000 euros. A ‘Española Primera’ é unha institución mutualista fundada en 1853, co obxecto de crear un fondo común destinado a socorrer ás asociadas e asociados nela inscritos, nos casos de enfermidade, outorgándolles asistencia médica completa. Na actualidade o número total de persoas asociadas supera os 174.000, das cales 30.000 teñen a condición de galegas.

Trátase dunha entidade entre as máis relevantes no ámbito da asistencia mutual en Uruguai. O máis destacado na súa traxectoria tivo lugar nas últimas tres décadas, cando se incrementou de xeito moi considerable o número de socios e socias e ademais se mellorou a tecnoloxía e as distintas áreas para o coidado da saúde.

Arestora, conta cun hospital de 26.500 metros cadrados, con 452 camas, así como catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internado extramuros nos que se presta asistencia sanitaria a unha importantísima porcentaxe da poboación uruguaia e, en especial, á colonia galega residente nese país.

Acordo con Casa de Galicia
O terceiro dos convenios, neste caso por importe de 35.000 euros, foi asinado entre a Secretaría Xeral da Emigración e maila Casa de Galicia de Montevideo. Esta entidade é unha sociedade fundada en 1917 como sociedade de instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo, e xestiona un gran sanatorio policlínico central e outros catro policlínicos zonais, que dispoñen de laboratorios de análises clínicas, salas de hemodinámica, sala de operacións e área de información pediátrica. A entidade ten o compromiso de dar cobertura a tódalas e tódolos seus asociados, na súa maioría persoas de orixe galega e descendentes destas.

Este hospital presta, de xeito excepcional, cobertura sanitaria gratuíta ás ditas persoas, sempre que se atopen en situación de carencia e non poidan afrontar o pago das correspondentes cotas sociais, gastos de asistencia sanitaria e adquisición de medicamentos a prezo de mercado.

Por efecto do acordo, Casa de Galicia comprométese a desenvolver un programa específico de asistencia a persoas acollidas en centros e residencias de persoas anciás e condonación e bonificación de cotas sociais de mutualistas que se atopen en situación de carencia; outro de asistencia sanitaria para persoas galegas non integradas na mutualidade; e un terceiro de atención de carácter extraordinaria en casos de detección de exclusión social.

Aniversario do Club Español
A intensa xornada de traballo de Rey Varela e Rodríguez Miranda en Montevideo rematou compartindo as actividades de celebración do 138º aniversario da fundación do Club Español de Montevideo, institución senlleira na vida social de Montevideo entre as que agrupan ás persoas vidas doutros países, e que está conformada nunha importante porcentaxe por socios e socias de orixe galega.

1299 lecturas