A Secretaría Xeral da Emigración renova o seu compromiso cos galegos e galegas do exterior en situación excepcional de emerxencia

O Diario Oficial de Galicia publica as bases destas axudas, destinadas a paliar situacións sobrevidas derivadas de catástrofes naturais ou outras causas que esixan dunha actuación urxente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro.

Miranda: 'Estas axudas son un exemplo máis do compromiso que a Secretaría Xeral da Emigración mantén cos galegos do exterior que se atopan nunha situación de necesidade'
Miranda: "Estas axudas son un exemplo máis do compromiso que a Secretaría Xeral da Emigración mantén cos galegos do exterior que se atopan nunha situación de necesidade"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2018.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, e que precisen dunha actuación urxente.

Trátase de axudas con carácter persoal e intransferible, que non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias, e incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos. Ademais, unicamente pode concederse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá só pedir unha axuda por un único suposto ata un máximo de 3.000 euros.

“Estas axudas son un exemplo máis do compromiso que a Secretaría Xeral da Emigración mantén cos galegos do exterior que se atopan nunha situación de necesidade”, sinalou o titular do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda. “Esta convocatoria naceu co propósito de cubrir un pequeno espazo que, malia non contar, afortunadamente, cunha gran demanda, resulta fundamental, e mesmo vital en moitos casos, cando a urxencia dunha situación imprevisible o esixe”, explicou Miranda.

Situacións de marxinación social ou dependencia
Os requisitos para obter unha destas axudas é carecer de rendas, ingresos e patrimonio para facer fronte á situación descrita, e acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude (como máximo nos últimos doce meses) e que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente. Tamén se contempla na orde a posibilidade de sufragar un desprazamento desde un terceiro país, se fose estritamente necesario.

Entre as razóns especificadas para solicitar estas axudas está, por exemplo, a de atoparse no Exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa solicitante non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio. Ou sufrir situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar, e carecer de medios para paliar esta situación.

Tamén ampara esta convocatoria situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección nacionais dos países nos que reside a persoa beneficiaria, ou as situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa.

Persoas beneficiarias da convocatoria
Igualmente, quedan cubertas por esta convocatoria as situacións sobrevidas derivadas de graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval, e aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Trátase dunha iniciativa da que pode resultar beneficiaria calquera persoa emigrante galega, así como os seus e as súas descendentes en primeiro grao, que posúan a condición de galega ou galego residentes no exterior, de acordo co establecido legalmente para este recoñecemento.

1734 lecturas