Miranda supervisa a xestión das axudas de emerxencia e de medicamentos na oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela

O secretario xeral da Emigración visitou as dependencias, que acaban de ser reforzadas para atender unha media de cen consultas diarias.

O titular do departamento autonómico tamén participou nun acto cultural con alumnos e alumnas do colexio Castelao   .

  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración durante a visita á oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración durante a visita á oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela
  • As e os cativos do Colexio Castelao recibiron como agasallo o libro «O ronsel  de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño», de Lela Edicións
    As e os cativos do Colexio Castelao recibiron como agasallo o libro «O ronsel de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño», de Lela Edicións
  • Os pequenos e pequenas puideron gozar dun concerto de cancións infantís interpretadas por Luís Vaamonde Polo e Alfredo Villalba Dourado, do grupo musical A Roda
    Os pequenos e pequenas puideron gozar dun concerto de cancións infantís interpretadas por Luís Vaamonde Polo e Alfredo Villalba Dourado, do grupo musical A Roda
  • As e os cativos do Colexio Castelao recibiron como agasallo o libro «O ronsel  de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño», de Lela Edicións
    As e os cativos do Colexio Castelao recibiron como agasallo o libro «O ronsel de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño», de Lela Edicións
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración durante a visita á oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración durante a visita á oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá a oficina de atención social que a Hermandad Gallega de Venezuela, en colaboración coa Xunta de Galicia, mantén aberta nas súas dependencias para dar asistencia a todos os galegos e galegas residentes no país. A súa función é especialmente importante á hora de asesorar ás e aos interesados en obter algunhas das axudas das que dispón a Xunta de Galicia para as e os galegos no exterior.

A gravísima situación que está a atravesar o país disparou a demanda de información e de axudas por parte de galegos e galegas en Venezuela. Precisamente para darlle resposta a todas elas, a Xunta de Galicia vén de reforzar a dotación da oficina de atención social, que en momentos coma o actual atende unha media de cen consultas de diferente índole ao día. Tres traballadores, unha asistencia social e unha quinta persoa contratada temporalmente para poder dar resposta a todas as demandas, encárganse de atender aos galegos e galegas que diariamente acoden á oficina. Ademais das solicitudes de axudas de emerxencia que se están a tramitar neste momento e de medicamentos, as dependencias da agrupación colaboran na xestión doutros programas dirixidos á emigración, como as axudas económicas individuais, Reencontros na Terra, Reencontros na Casa e Conecta con Galicia, por poñer algúns exemplos.

Tamén a Hermandad Gallega de Valencia, o Centro Gallego de Maracaibo e o de Puerto La Cruz dispoñen de persoal para realizar estas mesmas tarefas en coordinación coa oficina de Caracas. A estreita colaboración que se mantén coa Consejería de Empleo da Embaixada de España é outro dos piares que sustentan e axudan a conformar esta ampla rede de intervención social.

Preto de 1,5 millóns de euros para galegos de Venezuela
Refórzase así con feitos o firme compromiso que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, mantén con todos os galegos e galegas de Venezuela, que só en 2017 recibiron 1,5 millóns de euros do Goberno galego en diferentes partidas. Delas, 452.000 euros destináronse a paliar as necesidades máis urxentes das e dos galegos residentes no país suramericano: 252.000 euros a través de axudas económicas individuais e os outros 200.000, a través das axudas de emerxencia, que se están a tramitar nestes momentos. A estas cantidades hai que engadir, ademais, as que se canalizan a través das distintas entidades que fan traballo social ou sanitario.

Rodríguez Miranda aproveitou a súa visita á oficina para trasladarlles aos traballadores e traballadoras o seu apoio e agradecemento polo importante labor que están a levar a cabo. “Venezuela é a nosa prioridade. A situación actual do país fai imprescindible que poñamos todos os nosos recursos a disposición dos case 44.000 galegos que residen nel, e non imos aforrar esforzos para atender as súas necesidades máis urxentes”, salientou o secretario xeral da Emigración. Sen esquecer, matizou o responsable galego da Emigración, a cada vez maior cantidade de xente que está a regresar a Galicia, onde reciben unha atención especial con gran apoio económico.

Acto cultural no colexio Castelao
O cargo autonómico tamén quixo sacar tempo para visitar ás alumnas e alumnos do Colexio Castelao da Hermandad Gallega de Venezuela. Rodríguez Miranda participou nun acto cultural no que fixo entrega a preto de 150 nenas e nenos do libro Un ronsel de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño, de Lela Edicións. As e os pequenos puideron gozar, ademais, dun concerto de cancións infantís interpretadas por Luís Vaamonde Polo e Alfredo Villalba Dourado, do grupo musical A Roda.

Ademais, o secretario xeral da Emigración manterá ao longo do día unha reunión cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) en Venezuela, e encontrarase cos e coas representantes diplomáticos españois.

Xa á tarde, participará nunha nova actividade cultural, desta volta con nenas e nenos de ata 10 anos da colectividade galega no país suramericano, no teatro Rosalía de Castro da Hermandad Gallega.   

1284 lecturas