Conferencias e concertos para analizar a influencia na música galega da emigración e do exilio en América

O grupo de investigación Organistrum da USC organizou o simposio "O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951)" co apoio de Cultura.

O congreso investigou os efectos do movemento migratorio dos músicos galegos e galegas a América.

O secretario xeral de Cultura sinalou o intento das e dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior.

  • O secretario xeral de Cultura sinalou o intento das e dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior
    O secretario xeral de Cultura sinalou o intento das e dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior
  • O secretario xeral de Cultura sinalou o intento das e dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior
    O secretario xeral de Cultura sinalou o intento das e dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2017.

O grupo de investigación Organistrum da USC promoveu, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o simposio O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951), no que, coa colaboración de reputadas e reputados especialistas españois e americanos, analizou do 9 ao 11 de novembro a influencia que tiveron a emigración e o exilio no último cuarto do século XIX e primeira metade do século XX na evolución da música galega.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na apertura do simposio, onde destacou o efecto chamada das pequenas comunidades galegas no exterior para as e os profesionais da música e o seu intento por “recrear na Galicia exterior o soño musical que deixaron atrás, na súa aldea ou pobo”. Lorenzo estivo acompañado durante o acto do director do simposio, Carlos Villanueva e  a padroeira do Museo do Pobo Galego,  Rosa Méndez García.

O Museo do Pobo Galego, que está a celebrar este ano o seu 40 aniversario, acolleu a sede do simposio, cuxo programa, que se estendeu ata o sábado día 11, incluíu a celebración de dous concertos no Paraninfo da Universidade.

Influencias que enriqueceron dúas culturas
O gran movemento migratorio galego de finais do século XIX e o exilio provocado pola Guerra Civil española ata o 1951, coa primeira etapa do período de posguerra, marcan os límites temporais dun estudo que fai “un exhaustivo repaso pola música galega durante ese tempo e as influencias que repercutiron en espello en Galicia e a súa música, dando lugar a unha evolución enriquecida polos diferentes estilos a ambos os lados do mar”, segundo salientou o secretario xeral de Cultura durante a apertura do simposio.

Concertos
Ademais das sesións académicas, no marco do simposio celebráronse dous concertos, de entrada libre, no Paraninfo da Universidade. O Concerto de cancións galegas de aquí e de alá tivo lugar o venres, ás 20:30 horas, a cargo da soprano Susana Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo. O sábado, á mesma hora, celebrouse o concerto de clausura, que baixo o título Quendas e tandas de baile do século XIX no mundo hispanoamericano, interpretaron os pianistas Mariantonia Palacios e Juan Francisco Sans.

919 lecturas