A Asociación de Sumilleres vascos premia os viños da Ribeira Sacra na cata de viños tintos realizada en Bilbao

A actividade desenvolveuse na área ‘Galicia, Pórtico Universal’ ao abeiro do XXXI Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos. 

Trátase dunha das moitas actividades –esta altamente relevante no seu ámbito- que as comunidades galegas realizan para a difusión e expansión da calidade e actualidade galegas fóra do territorio. 

  • A actividade desenvolveuse na área ‘Galicia, Pórtico Universal’ ao abeiro do XXXI Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos
    A actividade desenvolveuse na área ‘Galicia, Pórtico Universal’ ao abeiro do XXXI Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos
  • A actividade desenvolveuse na área ‘Galicia, Pórtico Universal’ ao abeiro do XXXI Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos
    A actividade desenvolveuse na área ‘Galicia, Pórtico Universal’ ao abeiro do XXXI Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos
  • Botella correspondente ao primeiro premio
    Botella correspondente ao primeiro premio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016.

Integrantes da Asociación de Sumilleres Vascos realizaron unha cata de viños galegos tintos amparados por Denominación de Orixe no decurso dos actos do ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que tivo lugar no Paseo do Areal de Bilbao, baixo a organización da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi.

Mediante esta acción, as e os sumilleres do País Vasco destacan a alta calidade dos caldos galegos que, canda outros produtos agroalimentarios con D.O., e mais material de artesanía e de promoción turística, exhibíronse na área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’. Precisamente foi no marco físico desta área –coa que a Xunta de Galicia apoiou a celebración- onde tivo lugar a cata.

Trátase dunha das múltiplas actividades que se desenvolveron nas últimas xornadas ao abeiro da gran celebración anual das comunidades galegas do País Vasco, que cada ano ten lugar, de maneira rotatoria, nalgunha das localidades con comunidade galega establecida, e que conta sempre con ampla participación tanto de persoas de orixe galega como da súa veciñanza vasca.

É altamente relevante que a Asociación de Sumilleres Vascos realice esta acción, por canto supón un apoio á calidade e excelencia acadada polos adegueiros galegos. Convén lembrar que estas e estes profesionais son os encargados das adquisicións de material para os máis reputados establecementos hostaleiros nas súas respectivas áreas xeográficas.

Ademais, accións coma esta demostran a alta implicación das comunidades galegas por amosar, nas sociedades onde están asentadas, o bo facer da sociedade galega. Elas contribúen de maneira decidida e decisiva á expansión e difusión da calidade e actualidade galegas fóra do territorio.

Éxito da Ribeira Sacra
Na cata realizada participaron 32 viños, das adegas Regina Viarum, Don Bernardino, Marcelino Tierra y Vinos, Peña das Donas, Quinta da Peza, Casa Moreiras, Pablo García Cebeiro, Javier Fernández González, Adegas e Viñedos Lareu, Viña Goroña, Adega Vella, María Gloria Alvarín Losada, Pilares de Belesar, Albarduxe, Adegas Mondelo, Viña Costeira, Guitián y Blanco, Adegas Pazo das Tapias, Roberto Regal, Malcavada, Terriña, Ernesto Rodríguez Pérez, Vía Romana, Señorío de Rubiós, Adegas Amedo, Rabelas.

Estas adegas están asentadas nas localidades de Sober, Pantón, Chantada, Monforte, O Saviñao, e Quiroga (na provincia de Lugo); Vedra (na Coruña); Monterrei, Valdeorras, e Abeleda (en Ourense); e As Neves e A Portela (en Pontevedra).

Os primeiros premios da cata de viños tintos galegos amparados por D.O. recaeron todos en caldos procedentes da Ribeira Sacra. Así, o primeiro premio foi para Adega Vella, de Abeleda (Ourense), que xa quedara terceiro na edición do mesmo evento o pasado ano. O segundo premio foi para o mencía Albarduxe (de Chantada, Lugo), e o terceiro para Porvide (de Quiroga, Lugo).

1704 lecturas